Unha caravana de vehículos protesta en Ferrol contra os servizos de transporte de Monbus

Caravana de vehículos partindo do aparcadoiro da Feira de Mostras de Ferrol. (Foto: Merce Tobío).
As protestas polo funcionamento de transporte público por estrada chegaron nesta mañá a Trasancos. Usuarios dos servizos percorreron a comarca nunha caravana de vehículos para esixir solucións a un problema que arranca da concesión a Monbus das liñas de autobuses vai para dous anos

Arredor dun cento vehículos percorreron esta mañá diversos concellos de Transancos para reclamar á Xunta da Galiza solucións aos problemas do transporte por estrada. A marcha, convocada pola Plataforma por un transporte público digno de Ferrol, partiu do edificio da feira de mostras de Ferrol, percorrendo Fene, Mugardos, Cabanas, Pontedeume, Ares, Feda e Narón. Na mesma, estiveron presentes usuarios do servizo de toda  a zona.

A voceira da entidade organizadora, Teresa Vázquez, en declaracións a Nós Diario, valorou “de xeito moi positivo a mobilización de hoxe, porque malia as datas, a participación foi importante e conseguiuse socializar o problema nas diversas localidades da comarca”.

Monbus

Vázquez sinala que “os problemas comezaron vai para dous anos, cando lle adxudicaron as liñas do trasporte por estrada a unha Unión Temporal de Empresas (UTE) liderada grupo Monbus. Até este momento o servizo funcionou con normalidade e fiabilidade pero a partir de entón todo foi a peor”

As queixas dos usuarios refírense a diversas deficiencias do transporte urbano. Nesta liña, desde Plataforma por un transporte público digno de Ferrol advirten “da falla de prazas desde que Monbus colleu a concesión, así como do incumprimento das medidas de reforzo”.

A voceira lembra que “Monbus obrigou nunha ocasión a unha rapaza que colleu o autobús en Pontedeume con destino a Vigo a viaxar de pé até Compostela por falla de prazas”. Na mesma dirección, sinala que “até 15 rapaces que se desprazan ao instituto de Mugardos non poden sentarse por carecer da capacidade debida o autobús”.

'Vehículos en mal estado'

Vázquez advirte  que “os vehículos empregados atópanse en mal estado e en determinadas ocasións obrigan aos usuarios a esperar polo seguinte servizo por estar colapsados pola alta demanda”.

A responsábel do colectivo detalla que "a actual concesión ten un número de quilómetros tan limitado que calquera axuste nas liñas e nas frecuencias, implica deixar sen servizo a veciños ou colectivos dunha ou doutra localidade, facendo así máis precario o servizo"

As denuncias dos veciños de Ferrol contra as prácticas de Monbus repítense noutras comarcas galegas onde a empresa dirixida por Raul López ten a concesión das liñas do transporte público.