Fernández Díaz e a ex cúpula de Interior sentará no banco dos acusados pola 'Operación Kitchen'

O ex ministro do Interior, Jorge Fernández Díaz (Foto: Europa Press).
Nun auto de 24 páxinas, o maxistrado rexeita por "extemporánea" a petición da acusación exercida polo PSOE de declarar a responsabilidade civil a título lucrativo do PP e estabelécea, de forma subsidiaria, para a Administración Xeral do Estado no caso de que os investigados resultasen condenados.

O xuíz da Audiencia Nacional Manuel García Castelló acordou a apertura de xuízo oral contra o ex ministro do Interior Jorge Fernández Díaz e a ex cúpula do Ministerio pola denominada 'Operación Kitchen', o operativo policial posto en marcha supostamente co obxectivo de subtraer ao tesoureiro do PP Luis Bárcenas material relacionado coa investigación xudicial do caso Gürtel.

Nun auto de 24 páxinas, o maxistrado rexeita por "extemporánea" a petición da acusación exercida polo PSOE de declarar a responsabilidade civil a título lucrativo do PP e estabelécea, de forma subsidiaria, para a Administración Xeral do Estado no caso de que os investigados resultasen condenados.

A resolución do titular do Xulgado Central de Instrución número 6 inclúe todos os delitos expostos polas acusacións e que inclúen delitos de descubrimento e revelación de segredos, prevaricación, omisión do deber de perseguir os delitos, suborno, tráfico de influencias, malversación, encubrimento, contra a intimidade e obstrución á xustiza.

 No caso do PSOE, Podemos e da familia Bárcenas, ademais, engaden os de organización criminal ou asociación ilícita, entre outros.

Para García Castelló, os diferentes relatos dos escritos de acusación, coas súas correspondentes cualificacións penais, resultan, en principio, adecuados, todo iso sen prexuízo do que resulte da fase de xuízo oral.

En relación coa responsabilidade civil do PP solicitada polo PSOE, lembra que até este momento, nesta peza do caso, non se dirixiu pretensión algunha neste sentido contra o PP e que, por tanto, seguindo doutrina do Tribunal Supremo, resulta extemporánea, tendo en conta, ademais, que se realiza sen concretar a contía nin os feitos e accións concretas dos que emana dita responsabilidade, "apreciándose unha falta de relación entre os feitos que sustentan a pretensión e a persoa fronte á que se exercita a acción civil".

Ademais de ao ex ministro, o xuíz envía a xuízo a quen fora secretario de Estado de Seguridade Francisco Martínez, ao ex director adxunto Operativo (DAO) Eugenio Pino, aos responsábeis policiais José Luis Olivera, Marcelino Martín Blas, José Ángel Fuentes Gago, Bonifacio Díez Sevillano, Enrique García Castaño, Andrés Manuel Gómez Gordo, ao comisario xubilado e principal investigado na macrocausa ‘Tándem’ José Manuel Villarejo, así como ao chofer de Bárcenas Sergio Ríos Esgueva.

Fianza

Respecto de Olivera, Fuentes Gago e Díez Sevillano, para os que o fiscal solicitara o sobresemento provisional, o instrutor rexeita esta solicitude e pide ao Ministerio Público que no prazo de tres días formule escrito de acusación ou que renuncie ao mesmo.

Cabe lembrar que os fiscais anticorrupción César de Rivas e Miguel Serrano interesaron no seu escrito de acusación condenar Fernández Díaz e a Francisco Martínez a 15 anos de cárcere, a Villarejo a 19 anos de prisión.

O maxistrado, no seu auto, desestima tamén unha dilixencia complementaria solicitada polo PSOE ao considerar que a instrución está finalizada.

E acorda impor unhas fianzas por responsabilidade civil de 120.000 euros para Jorge Fernández Díaz, Francisco Martínez e Eugenio Pino, así como de 100.000 euros para Villarejo e Sergio Ríos, de 20.000 euros para Andrés Manuel Gómez Gordo e 3.000 euros para o resto, excepto García Castaño, a quen se lle fixa en 2.000 euros.