O feminismo galego sae á rúa para exixir recursos para poder abortar na pública

Concentración por un aborto libre e garantido en Pontevedra esta quinta feira (Foto: Nós Diario).
"Saímos ás rúas da Galiza para pedir un aborto libre, seguro e garantido na sanidade pública!". A Marcha Mundial das Mulleres (MMM) e a plataforma do Feminismo Unitario de Vigo convocaron esta quinta feira concentracións nesta cidade máis na Coruña, Compostela, Lugo, Ourense, Ferrol, Pontevedra e  O Porriño para reclamar cambios nas políticas da Xunta da Galiza, que agora, afirma a Marcha, "están en contra da saúde das mulleres".

Centos de persoas manifestáronse en defensa dun dereito "conquistado polo feminismo en 2010", un dereito que volve estar en perigo, salientaron, xa que agora mesmo, na Galiza, non se garante de maneira efectiva a interrupción voluntaria do embarazo (IVE) na sanidade pública.

É unha "conquista pendente" que se observa, sinala a MMM, na recente licitación por parte da Xunta da Galiza, por valor de 1,4 millóns de euros, da práctica de abortos. A Administración galega subcontratará por un período de tres anos a clínicas privadas as interrupcións voluntarias de embarazo "pola falta de recursos" na rede pública e o incremento da demanda, aduciu o Goberno.

Dous argumentos que o feminismo rebateu esta quinta feira, coincidindo co Día de Acción Global polo Acceso ao Aborto Legal e Seguro. "A Administración pública debe contar con recursos suficientes na rede sanitaria pública galega para facer efectivo o dereito ao aborto e non favorecer que as IVE se convertan nun negocio máis para as clínicas privadas". 

Obxección de conciencia

"Ben mellor sería destinar os recursos cos que se dotan os convenios da privada a cubrir as necesidade da pública", resaltou o movemento feminista durante a lectura do manifesto que fechou as concentracións.

Considera un "desprezo" a derivación da práctica de abortos á privada, porque ademais de custar millóns, di, obriga as mulleres a se desprazaren fóra das súas áreas sanitarias. "As autoridades sanitarias consideran as IVE procedementos menores, sen risco, cando non están exentas de complicacións nin de repercusións nos nosos corpos".

Un "claro desprezo" á saúde das mulleres que piden reverter, con persoal sanitario suficiente, máis aló da obxección de conciencia, incremento do número de matronas e unha educación afectivo-sexual sólida e rigorosa en todos os ámbitos.