Sanidade

Seis de cada dez abortos practícanse na sanidade privada

O Sergas deriva á privada 35% dos abortos. (Foto: Nós Diario)
O Sergas derivou á sanidade privada entre os anos 2019 e 2022 un total de 4.108 casos de interrupción voluntaria do embarazo sobre 11.756, é dicir, o 35%. E, a maiores, outras 7.416 mulleres acudiron directamente a clínicas privadas, o que deixa a proporción final en só catro casos xestionados en hospitais públicos por seis que leva a privada.

O Servizo Galego de Saúde derivou entre 2019 e 2022 unha de cada tres (35%) mulleres que acudiron á sanidade pública para someterse a intervencións cirúrxicas para interromper de forma voluntaria os seus embarazos. O dato ofreceuno esta quinta feira o director xeral de Asistencia Sanitaria do Sergas, Jorge Aboal, en resposta a unha pregunta formulada pola deputada do BNG Montse Prado na Comisión 5ª do Parlamento galego.

Aboal confirmou que entre 2019 e 2022 o sistema sanitario da Galiza xestionou un total de 11.756 interrupcións voluntarias de embarazo, das cales, 7.644 practicáronse en centros públicos e até 4.108, en clínicas coas que a Administración pública ten concertos para a práctica destas intervencións. E outras 7.416 mulleres acudiron directamente a clínicas privadas para abortar.

A pregunta realizada na Comisión de Sanidade pola parlamentaria nacionalista estaba orientada a demandar explicacións pola licitación este verán dun contrato por case 1,4 millóns de euros para os próximos tres anos —prorrogábel a cinco— para practicar en clínicas privadas abortos en embarazos de menos de 14 semanas de xestación e sen risco. Para a portavoz de sanidade do Bloque no pazo do Hórreo, este contrato responde a razóns "ideolóxicas" dun PP "cada vez máis radicalizado" que permite que se practique a obxección de conciencia de forma "coordinada" e "moita veces alentada" desde as xefaturas de servizo dos hospitais galegos.

Prado preguntouse se "é tan difícil" programar "un aborto á semana" nos hospitais galegos, como así o revelan os datos de que se practica unha media de 57 ao ano por cada centro, o que a levou a sentenciar que a Xunta "non quere" crear un rexistro de obxectores de conciencia para favorecer que estas intervencións sigan a executarse en clínicas privadas.

Durante as súas intervencións, Aboal e a deputada do BNG encerelláronse pola interpretación do artigo da lei orgánica de 2010 que recolle o dereito ao aborto no que se estabelece a creación de rexistros de obxectores de conciencia.

En concreto, o artigo 19 desta normativa en vigor desde hai 13 anos fixa que cada comunidade autónoma contará cun rexistro de profesionais sanitarios acollidos ao seu dereito a non participar de forma directa en prácticas de aborto, á vez que, a continuación, sinala que o Consello Interterritorial do Sistema de Saúde deberá crear un protocolo específico que recolla as "condicións mínimas" deste rexistro.

Así, Aboal destacou esta segunda cuestión para responsabilizar o Goberno estatal da falta de "avances" na configuración de criterios para crear estes rexistros, mentres que Prado incidiu en que a Xunta obvia o primeiro punto dese artigo que implica ás propias comunidades na configuración dos mesmos.