Llanos Massó, a nova presidenta do Parlamento valenciano, contraria ao aborto e ao "feminismo radical"

A nova presidenta de Lles Corts estivo vinculada á plataforma Hazte Oír

Llanos Massó, nova presidenta de Les Corts Valencianes. (Foto: Robert Solsona / Europa Press)
photo_camera Llanos Massó, nova presidenta de Les Corts Valencianes. (Foto: Robert Solsona / Europa Press)

A deputada Llanos Massó, de Vox, unha das máis belicosas contra a política educativa despregada polo Consell do Botànic, é a nova presidenta de Les Corts Valencianes tras o acordo de goberno alcanzado na Comunitat Valenciana pola súa formación e o Partido Popular.

O partido que dirixe Santiago Abascal fixo realidade as 'quinielas' dos últimos días e, aínda que asegurara que o nome da persoa elixida para presidir a cámara valenciana sería "unha sorpresa", á primeira hora da mañá desta segunda feira confirmaba que coloca á fronte do parlamento valenciano á dirixente castellonenca.

Massó (a terceira muller que presidirá a cámara valenciana tras as 'populares' Marcela Miró e Milagrosa Martínez) é a presidenta provincial de Vox en Castelló e exerceu como portavoz adxunta de Vox en Les Corts.

Os temas económicos e, sobre todo, educativos centraron a súa actividade parlamentaria ao longo desta etapa baixo o goberno 'botánico' integrado polo PSPV, Compromís e Unides Podem. Especialmente insistente mostrouse co que denomina "adoutrinamento nas aulas".

Nas 639 iniciativas que presentou recóllense propostas como "reforzar a inspección educativa para garantir a calidade do ensino e a ausencia de intromisións ideolóxicas", "garantir unha educación na lingua oficial do Estado", "garantir a aplicación de políticas educativas que respecten e recoñezan as tradicións, cultura e historia da ‘nosa Nación’".

Pin parental

Tamén foi unha firme defensora do chamado pin parental. "Cando falamos de pin parental falamos de evitar que os nosos mozos sexan o caldo de cultivo idóneo para o proxecto de enxeñería social da esquerda. Hai pais que non queren escoitar no colexio dos seus fillos que o amor romántico, que é o que lles derivou a formar unha familia, lles digan que é daniño. O escándalo mediático do pin parental demostra o inquieta que está a esquerda co seu supremacismo cultural", criticaba Massó nun discurso no que tamén lamentaba "a vergoña de nenos que se viron obrigados a simular unha felación nun centro escolar".

Outro dos momentos máis comentados dos protagonizados por Massó en Les Corts foi cando, para criticar o contido de educación sexual nalgúns libros de texto, mostrou imaxes de diferentes tipos de penes, algo ao que a conselleira de Educación, Raquel Tamarit, de Compromís, replicou con ironía: "Xa sei que vostedes cren que hai unha, grande e libre".

A nova presidenta de Les Corts estivo vinculada á plataforma Hazte Oír e esta condición de antiabortista e adversaria do que considera "feminismo radical" foi unha das características da súa traxectoria máis criticadas desde partidos de esquerda e organizacións feministas.

Hoxe, antes de iniciarse a sesión constitutiva de Les Corts, o presidente de Vox, Santiago Abascal, aseverou: "Llanos Massó é unha muller da nosa confianza que vai desenvolver un perfil institucional á fronte das Cortes Valencianas e confiamos plenamente no labor que vai facer".

Comentarios