"Aquí estamos e aquí seguiremos”, “Non aos recortes”, “En defensa do ensino público e de Cedeira”. Integrantes do colectivo SOS IES Punta Candieira protagonizan esta fin de semana un feche para denunciar os recortes de profesorado por parte da Consellaría de Educación nesta centro e nas redes sociais choven as mensaxes de apoio.
Esta segunda feira, representantes deste colectivo entregarán na Valedora do Pobo e na Consellaría as máis de 2.000 sinaturas recollidas reclamando que se reverta a decisión de recortar profesores e profesoras neste curso escolar.
A veciñanza de Cedeira saíu á rúa en varias ocasións nestas semanas para exixir que a Xunta non execute o seu plan de recorte de profesorado. Segundo denuncian pais e nais do alumnado do centro educativo, a intención da Consellaría de Educación é eliminar o posto de 11 docentes e 18 matrículas.
A dirección do instituto, que dimitiu despois de coñecer as intencións da Xunta, trasladou un detallado informe aos pais do alumnado do centro educativo, no que se reflicten todas as trabas coas que se van atopar os docentes e a mocidade de cara ao vindeiro curso que comeza a semana que vén, no caso de que a redución de profesorado se faga efectiva.
Así, e segundo recolle este escrito, a redución do cadro de docentes provocaría o cese dos reforzos educativos de Lingua Castelá e de Matemáticas en 1º e 2º da ESO. Tampouco se poderán levar a cabo os desdobramentos para o laboratorio do centro estudantil nas materias de Física e Química e Ciencias Naturais, polo que estas serán impartidas só de maneira teórica, sen contar co compoñente práctico.
📢 Segunda noite de peche no IES Punta Candieira!!!
— Fernando de Cedeira 🌬 (@OTaranho67) September 17, 2022
✊ Non aos recortes no Punta Candieira❗❗
💪 Aquí estamos e aquí seguimos. A teimud@s nós!
🌱 Cedeira unida e en Pé#sosiespuntacandieira pic.twitter.com/7BgZS4kzjr
A Xunta defende os recortes
Porén, desde a Xunta insístese en que a redución do cadro de profesorado do IES Punta Candieira tomouse en base a razóns "demográficas". Así o asegurou o conselleiro de Educación, Román Rodríguez, no Parlamento en resposta a unha pregunta formulada polo BNG.
"Non hai decisións arbitrarias", asegurou Rodríguez, quen afirmou que a xefatura territorial da Consellaría ten constancia de que o director do IES Punta Candieira "está contento" coa cadro de 65 docentes do centro.