A Xunta defende o recorte de docentes no IES Punta Candieira

A plataforma continúa as súas protestas en Cedeira.
Manifestación en Cedeira, esta segunda feira, contra os recortes no ensino. (Foto: Nós Diario)
photo_camera Manifestación en Cedeira contra os recortes no ensino. (Foto: Nós Diario)

A Xunta insiste en que a redución do cadro de profesorado do IES Punta Candieira, en Cedeira, tomouse en base a razóns "demográficas". Así o asegurou nesta cuarta feira o conselleiro de Educación, Román Rodríguez, en resposta a unha pregunta formulada polo BNG.

O debate estivo marcado pola expulsión da Cámara das persoas representantes da comunidade educativa do IES Punta Candieira por interromper o conselleiro desde a tribuna do hemiciclo. "Iso é mentira", berrou unha das persoas que formaba parte do grupo, ao que lle requisaron á entrada no Pazo da rúa do Hórreo, en Santiago de Compostela, as camisetas reivindicativas que levaban.

Desde o Parlamento argumentaron que a institución conta desde 2019 cunha regulación que veta o uso de indumentaria que "menoscabe o seu decoro". Entre as prendas prohibidas, inclúense as camisetas cno consignas.

A reacción desde a grada produciuse cando o conselleiro asegurou que a redución de docentes se debe á redución do número de matriculados que, segundo o responsábel de Educación, incluso deixou sen alumnado algunhas titulacións.

"Non hai decisións arbitrarias", asegurou Rodríguez, quen afirmou que a xefatura territorial da Consellaría ten constancia de que o director do IES Punta Candieira "está contento" coa cadro de 65 docentes do centro.

Demandas do IES Punta Candieira

Porén, a Plataforma SOS IES Punta Candieira continúa denunciando a situación na que se atopa o centro. A voceira da plataforma, María Pernas, informa a Nós Diario de que "as protestas en Cedeira continúan máis fortes ca nunca". Insisten en que se retroceda na decisión de reducir profesorado pois "afecta en gran medida ao alumnado".

Pernas indica que a falta de docentes provoca a supresión das clases de apoio, da aula de convivencias e do bacharelato de adultos. Ademais, critica a suba da ratio, o que provoca que as aulas conten con 40 estudantes "que non caben fisicamente".

Comentarios