Familiares de residentes discrepan do sobresemento dunha das súas denuncias

Residencia de maiores de Domus VI en Aldán, Cangas (Imaxe: Domus Vi)
"Dísenos que non achegamos datos concretos e nós non estamos de acordo", critica Xosé Bernárdez Solla, voceiro da asociación Vellez Digna, quen argumenta que as familiares non teñen a capacidade de levaren a cabo "investigacións".

"Somos conscientes de que estes procesos poden durar anos, tamén da posibilidade de elevar as nosas denuncias a instancias superiores. Acudiremos a Bruxelas se fose preciso".

Quen así fala é Xosé Bernárdez Solla, presidente da asociación de Cangas Vellez Digna e secretario da Federación REDE, que agrupa residentes, familiares e persoal dos centros de maiores.

Desde a declaración do estado de alarma, os brotes da COVID-19 en residencias levaron a este colectivo a interpoñer cinco denuncias dirixidas á Fiscalía Superior da Galiza por unha presunta mala xestión.

As dúas primeiras foron presentadas o 13 de marzo na sede da Garda Civil en Cangas, municipio no que a empresa DomusVi xestiona a residencia con máis contaxios por coronavirus da Galiza. Onte as enfermas ascendían a 87, segundo datos da Consellaría de Política Social.

O Xulgado de Instrución deste concello decretou o 21 de abril o sobresemento das demandas presentadas naquela altura debido á falta de "indicios suficientes da perpetración de delito". Nelas, REDE denunciaba a través de Bernárdez Solla os centros de maiores xestionados por DomusVi e con contaxios, por unha banda, e as restantes residencias con presenza de coronavirus pola outra.

"Dísenos que non achegamos datos concretos e nós non estamos de acordo", razoa Bernárdez Solla en conversa con este medio. Entre elas, destaca a falta de persoal previo á pandemia, agravada pola baixa das profesionais contaxiadas.

O secretario da Federación REDE tamén apunta á falta de material de protección necesario. "A xuíza argumenta que esta problemática se estende a centros hospitalarios e doutro tipo. É certo, mais a carencia de persoal non é escusábel", engade.

Cuestionado pola concreción de ambas as dúas eivas, Bernárdez Solla apunta a que as familiares "non somos quen de realizar esa investigación". "Non podemos entrar nun centro e comprobar cantas noites se careceu dos profesionais necesarios", expón. "Consideramos que hai indicios suficientes para abrir unha investigación, mais se non os queren ver nada podemos facer", conclúe o secretario de REDE. 

As restantes denuncias

O 13 de abril, o secretario de REDE interpuxo outras tres. "Son unha ampliación daquelas outras", especifica Bernárdez Solla. Unha dirixida aos centros de maiores con brotes da COVID-19 e outra focalizada nos xestionados pola empresa DomusVi e a súa directora xeral, Josefina Fernández.

Outras catro denuncias presentadas por familiares de residentes foron arquivadas. Ademais de Cangas, ficaron sobresidas as demandas contra dous centros da área sanitaria de Ourense e DomusVi Chantada.

Así mesmo, foron arquivadas as dilixencias penais abertas contra o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feixoo, e os conselleiros de Sanidade, Jesús Vázquez Almuiña, e Política Social, Fabiola García, despois de que o familiar dunha residente cursase unha denuncia. Nestes casos alegouse tamén a falta de concreción dos datos achegados ou ausencia de feitos de carácter delitivo

Residentes e persoal suman 1.077 contaxios activos

As asociacións de familiares de residentes non son único colectivo que reclama atender a situación dos centros. Unha denuncia de carácter xenérico, presentada polo Defensor do Paciente, motivou que a Fiscalía Superior e as territoriais realicen un seguimento dos datos relacionados coas residencias para detectar posíbeis problemas.

Segundo o informe de Política Social, contabilizábanse un total de 777 usuarias contaxiadas pola COVID-19, ademais de 296 traballadoras, 1.073 casos en total.

Os datos, correspondentes á última hora do domingo, dan conta dun lixeiro aumento das doentes na fin de semana. A maiores, rexistráronse 9 altas de residentes curadas. Tras a morte dunha usuaria o domingo, o número de falecementos entre residentes ascende a 244, case 46% do total rexistrados na Galiza.