"Queremos que a Fiscalía analice a responsabilidade da Xunta nas residencias"

Paulino Campos, portavoz da asociación Asfareba.
A asociación Asfareba agrupa as familiares e usuarias das residencias de DomusVi na Galiza. A compañía conta con 29 centros no país, tres dos cales aglutinan o maior número de contaxios pola COVID-19 entre as residentes e as traballadoras. A asociación vén denunciando a falta de protección e de persoal de apoio. Falamos con Paulino Campos, o seu portavoz. 

O 28 de marzo REDE, a Federación que agrupa asociacións de familiares e usuarias de residencias da Galiza, denunciou perante a Fiscalía a situación de "abandono" en centros de maiores xestionados por DomusVi, a falta de persoal e de medidas de protección.

Denunciamos a xestión, inaceptábel, perigosa e imprudente dos empresarios dos centros de maiores nesta crise. Estamos preocupadas porque consideramos que a xestión nos primeiros días da crise foi neglixente e queremos que a situación actual non se agrave. Unha vez que este drama remate, acudiremos de novo á xustiza para reclamar unha análise en profundidade da xestión que se levou a cabo nos centros. Ademais, demandaremos a creación dunha comisión de investigación no Parlamento galego que estude o funcionamento das residencias e as medidas que se adoptaron durante esta crise. 

As carencias que denuncian esténdense tamén ás residencias de titularidade pública?

A xestión nas residencias públicas e nas privadas é similar, pero as públicas contan con máis persoal, e máis persoal cualificado, debido aos pregos de condicións das súas licitacións. Con todo, nós seguimos reclamando, tamén nestes centros, que os maiores reciban unha atención integradora, que non funcionen como unha sorte de "aparcadoiros" nos que deixalos. 

Desde que cursaron a súa denuncia, a Xunta puxo en marcha unha serie de medidas para xestionar os brotes de coronavirus nas residencias. Entre elas, a derivación de maiores contaxiadas a residencias "integradas". 

Cando tomaron esa decisión ficamos asustadas, porque implicaba trasladar as infectadas por coronavirus das áreas de Vigo ou Pontevedra a máis de 100 quilómetros, a Baños de Molgas. A loxística deste tipo de traslados e a posibilidade de que empeoren a saúde das maiores fan inviábel esta proposta. De facto, a medida quedou obsoleta cando as afectadas nas dúas residencias de DomusVi no Barreiro (Vigo) e Aldán (Cangas) dobraron o número de camas dispoñíbeis en Baños de Molgas. 

Precisamente nesas residencias o Goberno galego propuxo concentrar a atención a doentes da COVID-19, decisión á que tamén se opuxo REDE. 

Nós solicitamos que se sigan as recomendacións do Goberno estatal, dividindo as residencias en 4 áreas: unha para as persoas contaxiadas que presenten síntomas, outra coas que permanecen asintomáticas; outra coas que deron negativo nas probas mais que estiveron en contacto con algunha contaxiada e outra con persoas que deran negativo. Seguindo nesa liña, as traballadoras de cada área non poden ter contacto entre si. Pensamos que as residencias están deseñadas para que esta opción sexa aplicábel e non se teñan que realizar traslados agás nos casos nos que un residente en situación grave precise un ingreso hospitalario. 

As familias están recibindo información sobre a situación das maiores nas residencias con contaxios?

Hai 10 días, por primeira vez tivemos a oportunidade de realizar videochamadas con familiares, mais agora volvemos á situación inicial e hai familiares que levan días sen poder comunicarse coas residentes. As videochamadas, como é obvio, desapareceron por precaución para evitar contaxios. Pero no caso de DomusVi, por exemplo, as usuarias contratamos un servizo telefónico que inclúe un aparello en cada cuarto. O problema é que ou non os hai ou moitos non funcionan. 

As familiares de residentes manteñen contacto coas traballadoras dos centros, que contexto lles trasladan?

Están esgotadas, física e psicoloxicamente. Precisan que as substitúan e descansar. E teñen medo, con compañeiras contaxiadas. Onte, as traballadoras de Cangas ameazaron con non ir aos seus postos de traballo se non se incrementaban as medidas de seguridade. A Xunta debe recorrer ás bolsas de emprego para reforzar os cadros de persoal e que este poida descansar. 

Previamente ao estado de alarma e de alerta sanitaria pola pandemia, Asfareba denunciou a falta de persoal nas residencias de DomusVi. 

Levamos dous anos cursando reclamacións polas canles oficiais. Primeiro á Consellaría de Política Social, e o sorprendente é que todas as respostas que recibimos se situaban a prol da empresa. Por iso, queremos que a Fiscalía, Inspección, analice a responsabilidade da Administración. Ademais, exixiremos unha lei orgánica que protexa as persoas maiores e outra de residencias a nivel estatal. 

REDE solicitou apoio ao Colexio Profesional de Psicoloxía da Galiza, cal é a situación das familiares de residentes?

O confinamento vese agravado cando tes unha familiar coa que sempre estiveches en contacto, coa que mantés un lazo, nunha residencia coa presenza dun virus letal, especialmente para as persoas maiores. A propia DomusVi informounos de que estaba a disposición das familiares un despacho de psicólogas, iso consideramos que non é viábel pois non queremos recibir un apoio desde unha parte interesada. O Colexio de Psicoloxía ten que avisar, por protocolo, a Xunta deste tipo de solicitudes pedindo que se financie o servizo. Mais foi o Goberno estatal o que ofreceu antes a posibilidade dun apoio psicolóxico para persoas na nosa situación, que agradecemos pois hai familiares superados pola dor e pola desatención.