Denuncian a conivencia da Xunta coa patronal das residencias

A máxima responsábel de DomusVi, Josefina Fernández con Alberto Núñez Feixoo e coa deputada do PP Ana Pastor (Circulo.gal)

O coronavirus non dá tregua aos centros de maiores. Mentres a Xunta da Galiza pon en marcha, con atraso, as primeiras medidas, familiares de residentes quéixanse da conivencia do Executivo galego coa patronal dos xeriátricos privados. As expertas, pola súa banda, alertan de que o peor está por vir.

A Xunta da Galiza coñece de vello as deficiencias da rede de centros de maiores. Ao longo destes últimos anos, asociacións de familiares de residentes, organizacións sindicais e forzas políticas téñense dirixido á Consellaría de Política Social para facer chegar as súas queixas sobre o funcionamento destas dotacións. Aínda en novembro do pasado ano, nunha comparecencia no Parlamento a petición do BNG, a conselleira Fabiola García defendía o actual modelo asistencial de atención á terceira idade e negaba as críticas da oposición sobre a falla de medios materiais e humanos nos centros.

A conivencia do Goberno galego coa patronal privada das residencias é evidente, segundo denuncian familiares de usuarias. O xornalista Paulino Vázquez, presidente da Federación de Usuarios e Familiares das Residencias (REDE), sinala a Nós Diario que “durante estes dous últimos remitimos ducias de denuncias á Consellaría de Política Social sobre a situación nos centros de DomusVi é ningunha delas foi aceptada. O Goberno galego, en todos estes procedementos, non fixo ningunha investigación, mesmo diante de feitos moi graves e limitouse a contestar coa resposta da empresa”.

“A Xunta da Galiza tenta encubrir a súa propia responsabilidade e a da patronal das empresas de servizos xeriátricos na xestión da crise do coronavirus”, sinala Xoán Carlos Ansía

“A Xunta da Galiza non atende as queixas formuladas polas familias das residentes e mira para outro lado diante as denuncias”, afirma a Nós Diario, Francisco Vizoso, médico e un dos portavoces da Alianza Galega polos Servizos Públicos para Maiores e Dependentes. “A conivencia da Xunta de Galiza coa patronal das residencias privada é evidente”, continúa Vizoso, moi critico co sistema galego de atención ás persoas maiores. Denuncia que as residencias públicas “están sendo convertidas nunha especie de gueto dirixido aos sectores máis empobrecidos da sociedade, unha sorte de beneficencia, como os antigos asilos de anciáns”.

Alén da xestión da crise do coronavirus

O delegado sindical da CIG no comité de empresa de Política Social da Coruña e traballador nunha residencia compostelá, Xoán Carlos Rodríguez Ansía, considera que “a Xunta da Galiza tenta encubrir a súa propia responsabilidade e a da patronal das empresas de servizos xeriátricos na xestión da crise do coronavirus”. Ansía, en declaracións a Nós Diario, pon de manifesto “o perverso modelo de funcionamento das residencias e o saqueo dos servizos públicos en beneficio das entidades privadas, en mans de fondos de investimento que actúan movidos polo lucro”.

Os beneficios das residencias privadas son moi elevados. Os números declarados polos grandes operadores non sorprenden tendo en conta as axudas públicas polo réxime dos concertos e as tarifas pagadas polas usuarias. Segundo Francisco Vizoso, “na cidade de Vigo os prezos oscilan entre os 1.950 e os 2.312 euros da residencia DomusVi-O Barreiro, os 2.387 e os 4.358 euros da residencia de Sanitas e os 1.950 e os 3.100 euros de Ballesol”.

A Xunta olla para outro lado

O Goberno galego non exerce a súa función de tutela das condicións de vida das residentes dos centros da terceira idade. Segundo información achegada a Nós Diario, os propios membros dos servizos de inspección da Consellaría de Política Social quéixanse advirten de que actas levantadas nalgunhas residencias polo seu funcionamento irregular son arquivadas, atendendo ás indicacións das responsábeis políticas. As asociacións de familiares de residentes tamén denuncian a falla de rigor no labor de inspección da Administración galega e vincúlana ás relacións entre a patronal das residencias privadas e o Executivo de Alberto Núñez Feixoo.

As residencias públicas están sendo convertidas nunha especie de gueto dirixido aos sectores mais empobrecidos da sociedade”, declara Francisco Vizoso

“A inspección que debe garantir o funcionamento correcto dos centros e o cumprimento dos protocolos estabelecidos pasa do tema”, di Paulino Vázquez, quen lamenta a falla de vontade política e a “ausencia dunha lei de residencias, tal é como demandamos desde a Federación REDE”. A este respecto, lembra que durante todos estes anos de loita “o Instituto Galego de Consumo é o único organismo público que nos dá a razón nunha denuncia nosa, concretamente pola negativa do DomusVi do Barreiro a deixarnos facer uso do libro de reclamacións”.

Francisco Vizoso ten a mesma consideración sobre o labor de inspección da Xunta da Galiza. “A inspección pasa de todo. As familiares das residentes levan todos estes anos presentando queixas e denuncias sobre a situación dos centros e dos incumprimentos das condicións por parte da dirección das residencias. Porén, a administración mira para outro lado. O nivel de complicidade do Goberno galego e da patronal das residencias privadas chega até o punto de que esta é advertida con anterioridade da visita da Inspección para evitar a sanción e, unha vez superada a mesma, o problema continúa sen resolver”, revela.

Vizoso ve a man da patronal das residencias privadas tras a decisión do Goberno galego de pór en marcha os centros integrados para usuarias afectadas por coronavirus. “Esta alternativa non permite atender correctamente o paciente por falla de medios materiais e humanos pero, a maiores, non é eficaz no combate contra a epidemia. Pódese trasladar unha doente pero quedan o resto infestadas, cuxos síntomas van manifestarse nos días seguintes. Até o de agora son relativamente poucos casos porque lle fixeron tests a moi pouca xente pero cando se fagan masivamente, a cousa vaise desbordar”, conclúe Vizoso.

21 mil residentes, á espera da proba

O presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feixoo, anunciou onte tests masivos nos centros de maiores da Galiza para determinar o número de persoas afectadas por coronavirus. A medida, anunciada após confirmarse o contaxio de 346 usuarias e 111 traballadoras, responde á “decisión de darlle prioridade aos tests de diagnóstico nas residencias da terceira idade da Galiza”. Nesta liña, a Xunta fixo público un protocolo de servizos asistenciais en residencias, onde recolle medidas que xa viña aplicando nos últimos días.

Antón Gómez-Reino, candidato á presidencia da Xunta por Galiza en Común, denuncia a “perversidade” do sistema deseñado polo Goberno de Feixoo para a atención das persoas maiores, que supón “desmontar un modelo de coidados para implantar un modelo de negocio”. Di que supón un risco para a saúde dos usuarios. Gómez-Reino esixiu no día de onte a comparecencia da conselleira de Política Social ante a Deputación Permanente do Parlamento para que explique a situación das residencias, unha solicitude que tamén formulou o BNG, a través da súa portavoz, Ana Pontón.

“Temos unha situación dramática de alarma social nas residencias e por iso é urxente esa comparecencia”, sinalou Pontón, quen considera necesario “reforzar a atención sanitaria, a realización de test masivos e o envío de material de protección”. Todo, engadiu, co obxectivo de anticiparse á extensión do virus. “Estamos vendo casos de contaxio masivo nas residencias sen que o Goberno achegue medidas eficaces ante unha situación que era previsíbel”, salientou.