Unha denuncia di que maiores contaxiados partillan habitación con sans na residencia Domus Vi de Cangas

Residencia de maiores de Domus VI en Aldán, Cangas (Imaxe: Domus Vi)
Galicia Press recolle a denuncia achegada por traballadoras da Xunta destinadas a este centro, o segundo con máis casos de coronavirus na Galiza, na que detallan fendas nas medidas de prevención que a Consellaría de Política Social nega.

O 31 de marzo, a residencia xestionada por Domus VI en Aldán, no municipio de Cangas, situábase como o principal foco de contaxios por coronavirus na rede de centros de maiores. Sumaba daquela 108 positivos de 17 traballadoras afectadas, ademais de 4 falecementos de usuarias coa enfermidade. Os datos de onte dan conta de 102 positivos nas usuarias e 17 entre as profesionais, mentres que as mortes se elevaron a 9.

Este centro e a residencia de Domus Vi no Barreiro, no Concello de Vigo, foron os primeiros en ser intervidos polo Goberno galego, potestade aprobada polo Executivo estatal para afrontar a xestión da COVID-19 nestes centros que concentran poboación de alto risco. A Xunta tomou a decisión de trasladar paulatinamente ás maiores non contaxiadas a un centro da terceira idade situado en Panxón, no municipio de Nigrán, a pesar da oposición de REDE, a federación que reúne as asociacións de usuarias e familiares de residencias na Galiza.

Galicia Press recolle unha denuncia anónima cuxas autoras, segundo detallan, traballan na residencia Domus VI de Aldán. O diario asegura que comprobou que, efectivamente, fose asinada por persoal destinado pola Administración galega a ese centro para reforzar o cadro da empresa privada. Nela denuncian que maiores contaxiados partillan habitación con sanos ou a falta de Equipos de Protección Individual e de medidas de seguridade para evitar novos contaxios. A Consellaría de Política Social, cuestionada ao respecto, negou os feitos.

Fendas na protección e prevención

As traballadoras, que no documento afirman pertencer ao eido sanitario, detallan ao longo de oito páxinas as presuntas irregularidades detectadas nesta residencia do municipio de Cangas. Nel, escriben que as Técnicas en Coidados Auxiliares de Enfermaría non teñen acceso aos Equipos de Protección Individual obrigatorios para o contacto con doentes da COVID-19. “O que é máis grave, temos constancia foi dotado de ditos EPIs pero téñenos gardados baixo chave, reservándoos para quen goza do beneplácito de quen os distribúe”, engaden.

As testemuñas do documento censuran que non se respectan os protocolos de seguridade para a xestión de centros con casos positivos. “Non se seguen os procedementos de illamento para prever que os pacientes infectados transmitan a infección aos demais”, critican.

A Consellaría de Política Social, cuestionada polo contido da denuncia, asegura que tras a intervención da Xunta o persoal do centro duplicouse, sumada a incorporación de traballadoras sanitarias. Nese sentido, admite un “choque de culturas” entre as profesionais “asistenciais” e as “sanitarias”, mais asegura que se reforzaron as medidas de hixiene e limpeza, que os circuítos de limpo e sucio mantéñense “independentes”.