Inspección require á Xunta que faga test a todo o persoal e residentes cando hai sospeita dun positivo

(EuropaPress)

Inspección de Traballo da Seguridade Social vén de requirir da Xunta de Galiza que faga test a todo o persoal e residentes cando haxa sospeita dun positivo, segundom informa a CIG. Na súa proposta de requirimento, que foi recibida onte, exixe ademais o establecemento de medidas de protección ao persoal traballador de forma que se garanta a súa seguridade fronte o risco de infección polo COVID 19, entre as que está EPIS adecuados, protocolos, formación ou test masivos.

A CIG xa presentara denuncia perante esta Inspección o pasado 18 de marzo, “porque a Xunta de Galiza non estaba a tomar ningún tipo de medidas de protección fronte o virus, eludindo o seu deber de cara ao seu persoal e as persoas usuarias dos centros sociais residenciais de xestión pública”.

A nivel xeral, a CIG valora positivamente as medidas requiridas no documento da Inspección, malia considerar que “chegan tarde”. Neste sentido denuncia que “por mor da falta de medidas preventivas aplicadas con celeridade pola Xunta, na actualidade existen casos de persoas contaxiadas polo COVID-19 en case todos os centros”. Porén, subliña, “a día de hoxe a Xunta segue sen informar do número real de persoas infectadas (traballadoras e usuarias ) a pesares de que no mesmo requirimento establece esa obriga”.

No documento do requirimento da Inspección salienta a obriga da Xunta de modificar as avaliacións de riscos laborais dos centros, co obxecto de introducir os derivados da infección polo COVID 19, incluír as medidas de protección a adoptar por cada departamento (non valen xerais), en función da exposición na que se atopen, e tarefas que realicen.