A Xunta obriga as residencias a notificar as mortes por coronavirus 25 días despois de declarar a emerxencia sanitaria

Desinfección nas residencias (Marta Fernández / Europa Press).
A Administración galega non ofrece unha fotografía exacta da situación das residentes e do persoal contaxiado da COVID-19, ao non computar no informe diario da Consellaría de Sanidade os falecementos que se producen fóra dos centros hospitalarios. O Sergas ofreceu onte, por primeira vez, a taxa de letalidade de coronavirus na Galiza.

O 13 de marzo de 2020 o presidente do Executivo galego, Alberto Núñez Feixoo, declarou o estado de emerxencia sanitaria. Un día despois, o Goberno estatal decretou o estado de alarma. A expansión dos contaxios por coronavirus deron pé a unha batería de medidas. Entre elas, a aprobación do confinamento para a poboación ou a recompilación de datos sobre os casos rexistrados de infeccións, necesarios para estudar e prever o avance da enfermidade.

Hoxe, 7 de abril, o Diario Oficial da Galiza recolle dúas ordes da Consellaría de Sanidade na que se fixa a obrigatoriedade de que todos os centros sanitarios e sociosanitarios (a rede de residencias de maiores, persoas dependentes ou menores) de xestión pública ou privada declaren, “con carácter urxente”, os casos e falecementos relacionados coa COVID-19.

A partir desta orde emitida por Sanidade, froito dun acordo con data do 3 de abril, a rede de centros sociosanitarios e de saúde deberá informar non só dos falecementos senón tamén dos casos de COVID-19 e infeccións respiratorias agudas, tanto nas usuarias coma nos cadros de persoal. Os casos deberán ser comunicados diariamente e remitidos á Dirección Xeral de Saúde Pública entre as 15.00 e as 18.00 horas. A orde chega no último día que ofreceu o Goberno estatal ás Administracións territoriais para achegar un informe detallado da situación nas residencias de maiores. A medida englóbase nun novo protocolo anunciado mediante Real Decreto o pasado sábado, 3 de abril, e que engade a actualización obrigatoria da situación nestes centros todas as segundas e quintas feiras.

Na Galiza, a Consellaría de Sanidade comparte un informe diario no que dá conta do cómputo de persoas contaxiadas, hospitalizadas ou recluídas nos seus fogares, dos falecementos ou dos ingresos nas Unidades de Coidados Intensivos. Paralelamente, a de Política Social fai o propio respecto aos positivos en residencias de maiores ou persoas dependentes. Isto provoca desaxustes en factores como a mortalidade, en tanto que o Sergas só suma os falecementos en centros hospitalarios no seu informe diario e non os dos centros de maiores.

As asociacións de familiares de maiores residentes veñen denunciando a falta de transparencia e información no tratamento dos brotes da COVID-19 nas residencias. As familias censuran que, en ocasións, poden transcorrer máis de cinco ou seis días sen ter noticias das residentes. A maiores, aseguran que os datos que ofrece a Consellaría de Política Social non son exactos. Os partidos da oposición tamén demandaron á Xunta da Galiza aclarar como se notifican os casos das residencias.

Desde hoxe, os informes que deberán remitir diariamente os centros especificaranse a data de inicio dos síntomas, a realización ou non dunha proba, o ingreso hospitalario ou o nome da residencia no caso de usuarias da rede residencial. En caso de falecemento, detallaranse o lugar, causa e data do falecemento.

Taxa de mortandade

O Centro Estatal de Epidemioloxía do Instituto de Saúde Carlos III publica desde 2004 os informes MoMo, ou Sistema de Vixianza da mortandade diaria. Este informe, que alerta da mortalidade ante calquera evento de posíbel importancia para a saúde pública, publícase con maior asiduidade desde que se declarou o estado de alerta pola crise de coronavirus. Nel detállanse as taxas de mortalidade de todos os territorios estatais con dúas excepcións: Galiza e a Rioxa. Nos seus documentos, o centro detalla o "notábel" retraso da Administración galega na entrega dos seus datos.

Onte, 6 de abril, o Sergas publicou por primeira vez datos sobre a taxa de mortandade en territorio galego. Na Galiza, segundo datos do 5 de abril, a taxa de letalidade situábase en 3,09%, a segunda máis baixa de todo o Estado, cunha media de 9,67% nesa mesma xornada. A taxa calcúlase a partir do número de falecementos en relación ao total de casos confirmados. Unha cifra, polo tanto, dependente do número de probas que se realicen na poboación, ao existir a posibilidade de doentes asintomáticas.