Máis de 600 contaxiados na Galiza entre o persoal sanitario

Persoal sanitario (Europa Press)

É un de cada dez infectados pola COVID-19.

Son a primeira liña no combate contra o coronavirus. Unha batalla na que, sobre todo nos primeiros días, carecían do material básico para se protexer fronte un virus que no Estado español matou xa máis de 13.700 persoas, máis de 250 na Galiza.

Houbo quen se queixou publicamente desa falla de material e pagou por iso. Foi o caso da xefa de servizo do Hospital Álvaro Cunqueiro de Vigo, cesada polo Sergas por esas críticas.

Sindicatos, organizacións profesionais, colectivos sociais... todas coincidiron en sinalar esa ausencia de material e tamén a carencia de protocolos acaídos nos primeiros compases sobre como actuar ou intervir

Tres semanas despois de se detectar as primeiras persoas contaxiadas na Galiza, o número de persoal sanitario infectado pola COVID-19 elévase a perto de 630. Representan así 10% do total de persoas con coronavirus na Galiza. Desde a Consellaría de Sanidade inciden en que é menos de 2% de todo o persoal sanitario que hai no noso país.

A nivel do conxunto do Estado español, a cifra de contaxiadas entre o persoal sanitario era a principios de semana de perto de 20.000, segundo María José Sierra, xefa de área do Centro de Coordinación de Alertas e Emerxencias Sanitarias.