Unha familia numerosa que segue pagando o alugueiro podería ser desafiuzada en Vigo

Xulgados de Vigo. (Foto: Europa Press)
A arrendadora instara a familia a abandonar o piso o pasado outubro, cando vencía o contrato de alugamento, xa que pretendía baleiralo para vendelo.

Esta quinta feira decorreu no Xulgado de Primeira Instancia número 4 de Vigo a vista por unha demanda de desafiuzamento dunha familia numerosa, a pesar de que os inquilinos seguen a pagar o alugueiro.

Segundo transcendeu, o contrato de arrendamento tería vencido o pasado mes de outubro, polo que a propietaria demandou os seus inquilinos logo de que non abandonasen o piso, argumentando que pretende baleirar a vivenda para a súa posterior venda.

A familia busca que o Xulgado vigués prorrogue a solicitude de expulsión debido a que teñen fillos menores ao seu cargo e quedarían en risco de exclusión social.

Por este motivo, desde a defensa informaron que solicitarán aos servizos sociais municipais que elaboren un informe sobre a situación económica na que se atopa a familia para así demostrar que cumpren cos requisitos de vulnerabilidade para acollerse á moratoria de execución de desafiuzamentos.

A respecto desta cuestión, fontes do Goberno local indicaron que, polo de agora, non se ten constancia de que esta petición de avaliación fose solicitada.

 

O BNG urxe a Xunta a parar o despexo dunha trintena de vivendas da Sareb

20 despexos por cada ocupación

Cómpre lembrar que o informe da serie Efectos da crise económica nos órganos xudiciais que publica de forma trimestral o Consello Xeral do Poder Xudicial (CXPX) evidenciou unha caída das ocupacións ilegais na Galiza de 18,5% no segundo trimestre de 2021 a respecto do mesmo período do ano anterior, e de 31% en comparanza cos datos de 2019.

Así, entre o 1 de abril e o 30 de xuño os xulgados galegos ingresaron 22 demandas por esta causa, fronte ás 32 de dous anos atrás. No primeiro trimestre, a cifra foi de doce.

Pola contra, no segundo trimestre de 2021 os xulgados do país practicaron un total de 447 lanzamentos, dos cales 343 —76,7%— se deberon ao impagamento do alugueiro, derivados da Lei de Arrendamentos Urbanos (LAU). 

En termos globais, supón un incremento de 438,6% a respecto dos mesmos rexistros de 2020, un ano condicionado pola pandemia e pola "moratoria" dos despexos en cumprimento da LAU anunciada polo Goberno estatal. Con todo, comparando co segundo semestre de 2019, os lanzamentos totais apenas minguan 32%.