Nove meses após a implosión da pandemia no Estado

O Goberno español aproba o decreto antidesafiuzamentos

O Goberno español prohibe os desafiuzamentos por falta de pago e sen alternativa habitacional até a fin do estado de alarma, prevista para o 9 de maio. Até o momento, esta medida só protexía aquelas persoas que se atopasen en situación de vulnerabilidade sobrevida polo impacto da Covid-19.
O ex ministro de Axenda Urbana, José Luis Ábalos, nunha foto de arquivo (Foto: M. Fernández / Europa Press)
photo_camera O ministro de Axenda Urbana, José Luis Ábalos, hoxe ante os medios após o Consello Ministerial. (Foto: M. Fernández / Europa Press)

O Consello de Ministras e Ministros aprobou hoxe a prórroga da suspensión dos desafiuzamentos sen alternativa habitacional por motivos de falta de pagamento, que estaba vixente até o 31 de xaneiro para persoas afectadas polo impacto da pandemia, e mantense agora até a finalización do estado de alarma (9 de maio de 2021). Aliás, aínda nove meses após o estoupido da Covid-19 no Estado, incorpóranse a esta medida de suspensión de despexos as familias que se atopaban en situación de vulnerabilidade antes da pandemia e que non estaban protexidas polas medidas para paliar as consecuencias da Covid-19.

"É unha normativa que non lexitima ningunha ocupación de vivenda” e que “distingue perfectamente as casuísticas”, dixo onte o ministro de Axenda Urbana, Jose Luis Ábalos, sobre a extensión da prohibición de desafiuzar no decreto persoas que ocupen vivendas en precario, sen contrato de arrendamento.

O ministro explicou que esta posibilidade só se aplicará en casos de dependencia, menores a cargo ou vítimas de violencia de xénero e sempre que o propietario da vivenda ocupada sexan bancos, fondos voitre ou propietarios con máis de dez inmóbeis urbanos, sen contar vivendas nin garaxes. Nestes casos as e os afectados pola solicitude de despexo serán quen teñan que solicitar a suspensión do procesos. Despois, o xuíz terá que pedir un informe aos servizos sociais que han de acreditar a vulnerabilidade e que proporán medidas para evitar que a persoa prexudicada fique sen vivenda. Serán, en todo caso, as comunidades autónomas as que teñan que propor alternativas habitacionais.

Porén, en caso de que esta cuestión non se resolva a Administración compensará o propietario. 

O Consello de Ministras e Ministros tamén aprobou esta terza feira a prohibición do corte de subministracións básicas (luz, auga, calefacción) a fogares vulnerábeis, impedindo que as compañías eléctricas, de gas e de auga corten a subministración a fogares vulnerábeis ou en risco de exclusión social. 

Montero atrasa a suba do salario mínimo

Na liña do xa sinalado pola vicepresidenta terceira do Goberno español, Nadia Calviño, a ministra portavoz María Jesús Montero avogou ante os medios por non optar xa pola suba do Salario Mínimo Interprofesional (SMI) e afirmou que "en caso de que neste momento non esteamos en condicións de poder facer unha previsión certeira do que vai acontecer, podemos reavaliar esta situación a partir do próximo semestre, onde esperamos que a vacinación alcance unha cobertura suficiente para podermos tomar a decisión máis correcta en relación con esta materia".

A oposición da parte 'socialista' do Goberno de coalición a subir xa o SMI enlaza coa posición da patronal, a favor da conxelación para 2021, e pon freo aos anuncios da ministra de Traballo, Yolanda Díaz, de elevar os soldos máis baixos.

Comentarios