Esta quinta feira decorreu no Xulgado de Primeira Instancia número 4 de Vigo a vista por unha demanda de desafiuzamento dunha familia numerosa, a pesar de que os inquilinos seguen a pagar o alugueiro.
Segundo transcendeu, o contrato de arrendamento tería vencido o pasado mes de outubro, polo que a propietaria demandou os seus inquilinos logo de que non abandonasen o piso, argumentando que pretende baleirar a vivenda para a súa posterior venda.
A familia busca que o Xulgado vigués prorrogue a solicitude de expulsión debido a que teñen fillos menores ao seu cargo e quedarían en risco de exclusión social.
Por este motivo, desde a defensa informaron que solicitarán aos servizos sociais municipais que elaboren un informe sobre a situación económica na que se atopa a familia para así demostrar que cumpren cos requisitos de vulnerabilidade para acollerse á moratoria de execución de desafiuzamentos.
A respecto desta cuestión, fontes do Goberno local indicaron que, polo de agora, non se ten constancia de que esta petición de avaliación fose solicitada.

20 despexos por cada ocupación
Cómpre lembrar que o informe da serie Efectos da crise económica nos órganos xudiciais que publica de forma trimestral o Consello Xeral do Poder Xudicial (CXPX) evidenciou unha caída das ocupacións ilegais na Galiza de 18,5% no segundo trimestre de 2021 a respecto do mesmo período do ano anterior, e de 31% en comparanza cos datos de 2019.
Así, entre o 1 de abril e o 30 de xuño os xulgados galegos ingresaron 22 demandas por esta causa, fronte ás 32 de dous anos atrás. No primeiro trimestre, a cifra foi de doce.
Pola contra, no segundo trimestre de 2021 os xulgados do país practicaron un total de 447 lanzamentos, dos cales 343 —76,7%— se deberon ao impagamento do alugueiro, derivados da Lei de Arrendamentos Urbanos (LAU).
En termos globais, supón un incremento de 438,6% a respecto dos mesmos rexistros de 2020, un ano condicionado pola pandemia e pola "moratoria" dos despexos en cumprimento da LAU anunciada polo Goberno estatal. Con todo, comparando co segundo semestre de 2019, os lanzamentos totais apenas minguan 32%.