O BNG urxe a Xunta a parar o despexo dunha trintena de vivendas da Sareb

O Instituto Galego de Vivenda e Solo responsabiliza o Goberno estatal por posuír "máis de 45%" da titularidade do denominado 'banco malo'.
Bloque de vivendas afectado na praza do Asilo de Narón (Foto: Google Maps).
photo_camera Bloque de vivendas afectado na praza do Asilo de Narón (Foto: Google Maps).

A deputada e portavoz de Vivenda do BNG no Parlamento, Alexandra Fernández, instou esta cuarta feira a Xunta da Galiza a "comprometerse" na defensa da trintena de familias de Ares, Burela e Narón ás que a Sareb pretende desafiuzar. Trátase de vivendas que en 2019 pasaron a mans do denominado 'banco malo', a sociedade estatal creada en 2012 para asumir os activos tóxicos do rescate bancario.

Nas últimas semanas, a Sareb exixiu ás familias información sobre as nóminas, a declaración da renda, o empadroamento e o libro de familia, "sen explicarlles cal era a verdadeira finalidade da información solicitada", tal e como denunciou Fernández, para quen os despexos, ao tratarse dun ente de titularidade estatal, constitúen un "abuso de poder". Estas "prácticas antisociais", dixo, "non son admisíbeis en ningún caso".

Neste senso, apuntou que o Instituto Galego de Vivenda e Solo (IGVS) "ten capacidade para mediar e prestar asistencia xurídica" ás persoas afectadas, un servizo que a Xunta xa ofrece hoxe nos casos de ocupación.

No caso de Burela, afirmou, o IGVS "ten un papel máis directo ao ser o responsábel de velar pola vivenda protexida", xa que o edificio en cuestión goza deste réxime de protección. "A Sareb repite o mesmo patrón, o abuso sistemático a inquilinos e pór as familias nunha situación de indefensión", censurou.

O IGVS responsabiliza o Goberno estatal

O director do IGVS, Heriberto García, delegou as responsabilidades no Executivo de Pedro Sánchez alegando que o Estado é propietario de "máis de 45%" da Sareb e, en consecuencia, "cumpre o papel de arrendatario" fronte aos actuais inquilinos.

Así, amosou o seu desacordo coa actuación desta sociedade estatal e asegurou que a Xunta xa está a contactar con estas familias na procura de posíbeis solucións, "sobre todo para as que se atopan en situación de vulnerabilidade". Porén, as persoas afectadas, replicou Alexandra Fernández, "non recibiron comunicación ningunha por parte do IGVS e descoñecen se contarán coa asistencia xurídica que precisan" da Administración galega.

Pola súa parte, García salientou que a Galiza foi "un dos primeiros territorios do Estado en estabelecer un convenio de colaboración coa Sareb para mobilizar o parque de vivendas e poder ofrecer unha solución habitacional". Aliás, lembrou que o Plan estatal de Vivenda 2022-2025, pendente de aprobación, prevé un programa de alugueiro social para estas vivendas do que a Xunta "non tivo máis noticias".

Comentarios