A Xunta cancelou a misión para salvar a Casa da Galiza en Uruguai: "Nunca nos deron explicacións"

Alberto Iglesias, último presidente da Casa da Galiza, que foi clausurada en 2021 (Foto: Casa da Galiza).
O anterior presidente da Xunta da Galiza, Alberto Núñez Feixoo, así como o actual, Alfonso Rueda, son acusados de permanecer en "silencio" ante as dificultades pasadas e presentes da Casa da Galiza no Uruguai, as cales levaron ao fechamento da entidade mutualista da emigración galega, nunha situación que está a ser revisada pola Xustiza uruguaia. Desde o centro tamén critican que a Xunta cancelou unha misión que podería ter sido "esencial" para salvar a institución do seu fechamento.

No mes de outubro de 2021, o Goberno do Uruguai ordenou a intervención pública do sanatorio da Casa da Galiza, creado polas e polos emigrantes galegos en 1917. Naquela altura, Feixoo, aínda na Presidencia da Xunta, asegurou a súa confianza na palabra do presidente uruguaio, Luis Alberto Lacalle Pou, e que a situación sería temporal "para proseguir a súa actividade como entidade asistencial para o futuro".

Esta intervención supuña retirar dos seus cargos as autoridades do sanatorio, xusto cando estaba prevista unha xornada electoral no centro. Xa en decembro de 2021 o Poder Xudicial decretou o fechamento definitivo da Casa da Galiza.

En consecuencia, o Senado e a Cámara de Deputados do Uruguai aprobaron o proxecto de lei que facultou o Executivo a determinar a prestación da asistencia social integrada no sistema sanitario uruguaio que se destinou á afiliación e a parte dos funcionarios e funcionarias da Casa da Galiza. 

Deste modo, a decisión incumpriu coa intervención temporal prometida por Lacalle Pou na que dixo confiar Feixoo. Neste contexto, foi aprobada no Parlamento galego, por unanimidade, unha proposición non de lei que instaba as autoridades competentes do Uruguai a adoptaren "todas as medidas precisas" para garantir a protección sanitaria da afiliación da Casa da Galiza.

Porén, o ex presidente da institución mutualista da emigración galega, Alberto Iglesias, en conversa con Nós Diario, afirma que non entende "por que a Xunta cancelou a misión dos integrantes do Servizo Galego de Saúde (Sergas) ao Uruguai para presentar o seu informe sobre a situación da Casa da Galiza". "Nunca me deron explicacións, era un documento esencial para evitar o fechamento da institución", conclúe.

"Non merecemos o silencio, reclamei apoio do Sergas e da Xunta e non houbo resposta, e aquí están as consecuencias, non entendo por que nin preguntaron o que estaba pasando, non quixeron a nosa versión dos feitos", denuncia. "Sigo sen ser chamado desde a cúpula da Xunta", engade.

Investigación da Xustiza

Nun momento no que o Goberno galego, agora presidido por Rueda, segue sen dar resposta, segundo denuncia Iglesias, o Semanario Búsqueda adiantou esta mesma semana que a Fiscalía do Uruguai revisará as declaracións dos representantes designados en 2021 polo Ministerio de Saúde Pública para examinar a situación da institución antes do seu fechamento para ver se houbo presións de funcionarios do Goberno para que modificasen o seu informe. 

Dito informe presuntamente sinalaba, antes dos cambios, que o préstamo que o Banco Santander aceptou dar á entidade mutualista para salvala da quebra era viábel. Unha solución vetada polas institucións, deixando sen cobertura na Casa da Galiza á afiliación e complicando o futuro laboral dos 1.300 traballadores e traballadoras desta institución.