Unanimidade no Parlamento para instar Uruguai a garantir a "protección e integridade" da Casa da Galiza

A consecuencia do fechamento da entidade pola débeda que arrastra, as 50.000 persoas socias serán derivadas a outros centros sanitarios do país. BNG e PSdeG critican a "pasividade" da Xunta ante esta situación "mentres destina 19.000 euros a instalar un cruceiro en Miami".
O sanatorio da Casa da Galiza nunha imaxe de arquivo. (Foto: Casa da Galiza) #casadagaliza #uruguay
photo_camera Sanatorio da Casa da Galiza, en Montevideo. (Foto: Casa da Galiza)

O Parlamento da Galiza aprobou esta cuarta feira, por unanimidade, unha proposición non de lei que insta as autoridades competentes do Uruguai a adoptaren "todas as medidas precisas" para garantir a protección sanitaria das persoas socias da Casa da Galiza, así como aquelas que, axustadas a dereito, garantan a protección e integridade do patrimonio cultural, artístico e histórico da entidade.

O obxectivo, indica o texto, é que desta forma "permanezan no ámbito da galeguidade no país, axudando os socios á súa adquisición [da institución] ou facéndoo directamente a Administración, en caso de non ser posíbel outra solución". Demandan ademais que tanto o Estado como a Xunta continúen coas medidas que correspondan dentro das súas competencias para "asegurar a protección socio-sanitaria dos emigrantes galegos".

A proposición aprobada foi froito da unión das propostas que aportaran sobre o mesmo tema do BNG e o PPdeG, co texto transaccionado, debatida e aprobada na Comisión 1ª, Institucional, de Administración Xeral, Xustiza e Interior da Cámara galega. A deputada popular Raquel Arias manifestou que a súa preocupación ante a situación é dobre: "Por unha parte, a protección sanitaria dos socios da Casa e, por outra, a protección do patrimonio e a garantía da súa continuidade".

Con todo, incidiu en que, "a consecuencia da cualificación xurídica da Casa da Galiza", só o Goberno de Uruguai é "competente para o control, desde calquera punto de vista, da institución". "Iso non quita que desde a Xunta se siga moi de perto e de forma continua a situación da Casa, da mesma forma que se fai co resto de entidades de diferentes países do mundo", destacou.

Nesta liña, referiuse aos contactos entre o secretario xeral de Emigración e o delegado da Xunta no Uruguai desde 2016 "para chegar a unha solución satisfactoria para a Casa da Galiza".

BNG e PSdeG, críticos coa Xunta

Pola súa parte, o nacionalista Daniel Castro criticou o que denominou "parálise" da secretaría xeral de Emigración, "que se limitou a esperar até o último momento" e defendeu o traballo realizado pola portavoz de Relacións Internacionais do BNG, Ana Miranda. Ao BNG sorprendeulle tamén a confirmación por parte do Goberno do Uruguai "da negativa do Goberno galego a axudar nesta difícil situación, aínda que llo pediron".

Segundo explicou Castro, a preocupación do nacionalistas a respecto da sociedade xira tamén arredor do "desmantelamento do patrimonio, a situación socio-sanitaria dos socios galegos co cesamento ambulatorio e o traslado e derivación de pacientes —perto de 50.000— a outras entidades integradas no Sistema Nacional de Saúde do Uruguai".

"A isto súmase a situación dos traballadores e a súa redistribución a respecto da antigüidade e salario, así como a garantía da cobertura e calidade asistencial de persoas usuarias, moitas delas maiores e en situación precaria", sinalan.

Explican ademais que o pasado 5 de abril, "debido á necesidade urxente de constituír unha nova asociación para salvagardar o patrimonio", constituíuse en Montevideo a entidade Casa da Galiza-Centro Histórico-Cultural. A este respecto, o BNG solicitou o recoñecemento da súa "galeguidade" por parte do Goberno galego, "como herdeira da antiga sociedade Casa da Galiza".

Os socialistas, noutra orde, resaltaron o contexto "moi negativo" no que se está a dar esta situación. "Incrementáronse as necesidades sanitarias por Covid e económicas e sociais polos sucesivos confinamentos en Latinoamérica", apuntou Pablo Arangüena.

Ante unhas necesidades que cualificaron de "inxentes", Arangüena censurou a decisión da Xunta de destinar 19.000 euros a "instalar un cruceiro en Miami", demostrando "pasividade" ante o fechamento da Casa da Galiza. "Esa é a realidade da Xunta", asegurou.

Comentarios