Incerteza polo futuro de 1.300 traballadoras e traballadores da Casa da Galiza de Uruguai

Tras o anuncio do Ministerio de Saúde Pública (MSP) de Uruguai de intervir esta institución galega, coa incerteza da perda de 1.300 postos de traballo, o Partido Comunista de Uruguai reclama ao Goberno que non o feche e solucione a súa situación laboral. O Partido Comunista de Uruguai (PCU) emitiu un comunicado de apoio.

Entrada á Casa da Galiza en Uruguai (Nós Diario).
photo_camera Entrada á Casa da Galiza en Uruguai (Nós Diario).

A conferencia de prensa do pasado 23 de decembro na que o ministro de Saúde Pública de Uruguai, Daniel Salinas, anunciaba que as accións a realizar tras a intervención da Casa da Galiza engadiu aínda máis incerteza ao futuro dos seus 1.300 traballadoras e traballadores.

A proposta do Goberno indicaba que se realizaría por un período de transición tras o feche decretado pola Xustiza. Ademais, indican que a urxencia e internados van seguir coa asistencia para asegurar continuidade.

Desde este anuncio foron numerosas as mostras de solidariedade con pesoal da entidade. Ás portas da institución tamén se viviron varios actos de protesta por parte das traballadoras e traballadores por non ter cobrado a última nómina.

Desde o Goberno aseguran que xa están a traballar co Ministerio de Economía para liberar o certificado do Banco de Previsión Social para que se lles poida pagar os soldos de decembro e o aguinaldo antes do 6 de xaneiro.

Apoio do PCU

O Comité executivo do Partido Comunista de Uruguai (PCU) emitiu un comunicado diante a  complexa situación que atravesa Casa da Galiza dese país após anunciar o Ministerio de Saúde Pública (MSP) que a Administración de Servizos de Saúde do Estado (ASSE) faríase cargo de xestionar esa institución.

O PCU traslada o seu “máis absoluto apoio e solidariedade ás traballadoras e aos traballadores” desa institución e denuncian que “esta situación é consecuencia de pésimas administracións e hoxe en particular pola decisión da xustiza”.

Ademais, aseguran que “traballarán xunto aos demais integrantes da Frente Ampla e impulsará as accións que leven adiante o Plenario Intersindical de Traballadores-Convención Nacional de Traballadores (PIT.CNT), a Federación Uruguaia de Saúde (FUS) e o sindicato dos traballadores de Casa da Galiza”  solucións que impliquen “a cobranza dos salarios debidos, a recuperación de todos os postos de traballo e a preservación dun centro de saúde de referencia para parte norte do departamento de Montevideo”.

Por este motivo, esta formación política reclama ao actual goberno “que profunde o Sistema Nacional Integrado de Saúde que levo adiante a nosa Fronte Ampla, en cuxo goberno e durante 15 anos non fechou ningunha institución de saúde”.

 

 

Comentarios