Casa da Galiza: Do esplendor da sede do Goberno galego ao ocaso

Entrada á Casa da Galiza en Uruguai. (Foto: Nós Diario)
Nesta terza feira, aprobouse o proxecto de lei que faculta o Executivo a determinar a prestación da asistencia social ás persoas usuarias da Casa da Galiza de Montevideo de forma integrada no sistema sanitario uruguaio. A representante do BNG, Ana Miranda, mostrou a súa solidariedade após unha decisión que afonda na incerteza de persoas usuarias e persoal laboral.

En outubro de 2018, a Directiva da Casa da Galiza de Montevideo (Uruguai) sinalaba que se atopaba "nunha situación moi comprometida" polo endebedamento, o que levou a auditores independentes da entidade a "cuestionar o principio de empresa". Xa en decembro de 2021 o Poder Xudicial decretou o fechamento da Casa da Galiza cunha débeda que nese momento ascendía a 100 millóns de pesos uruguaios (máis de 2 millóns de euros).

Neste contexto, o Goberno uruguaio ordenaba en outubro de 2021 a intervención do sanatorio da Casa da Galiza. A Administración pretendía xestionar a institución mutualista médica "por un prazo máximo dun ano" para controlar o "alto nivel de endebedamento".

Esta intervención supuña retirar dos seus cargos as autoridades do sanatorio, xusto cando estaba prevista unha xornada electoral no centro.

Fontes do Ministerio de Saúde Pública do Uruguai defendían que a meta desta decisión era "garantir a debida asistencia médica dos usuarios da institución", así como adoptar todas as medidas para asegurar "a protección dos postos de traballo". Tamén afirmaban que desde o 2015 a Casa da Galiza presentaba balances deficitarios, o que "evidenciaba severos problemas de xestión".

Preguntado por este suceso, o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feixoo, expresaba a súa confianza na palabra do presidente uruguaio, Luis Lacalle Pou, quen defendía a intervención temporal para evitar unificar a Casa da Galiza con outros centros sanitarios do país.

Finalmente, nesta terza feira, o Senado e a Cámara de Deputados do Uruguai aprobaban o proxecto de lei que faculta o Executivo a determinar a prestación da asistencia social integrada no sistema sanitario uruguaio que se destinará á afiliación e a parte do funcionariado da Casa da Galiza de Montevideo. Unha decisión que incumpre coa intervención temporal.

Sede do Consello da Galiza

A Casa de Galiza de Montevideo conta con máis dun século de actividade, xa que foi fundada en 1917 por un colectivo de emigrantes. A súa importancia foi tal que funcionou como sede do Consello de Galiza, o Goberno galego no exilio. 

Ao longo deste tempo, erixiuse como un dos centros hospitalarios máis importantes do país, cunha sede social que constituía unha das principais arterias de Montevideo. 
Da institución forman parte, entre outras dependencias, o Instituto de Secundaria Manuel Curros Enríquez e a biblioteca Alfonso R. Castelao, así como un gran patrimonio cultural, entre o que destacan diversas obras pictóricas e a escultura de Francisco Asorei coñecida como “A Santiña”.

Solidariedade do BNG coa Casa da Galiza uruguaia

A portavoz do BNG en Europa, Ana Miranda, denunciou esta quinta feira o desmantelamento da Casa da Galiza do Uruguai, após o tamén acontecido co patrimonio sociosanitario na Arxentina. “Non podemos esquecer que este patrimonio foi erguido en 1917 cos aforros e o esforzo da emigración galega”, e que tanto as persoas asociadas como o persoal laboral denuncian o escuro procedemento seguido na toma de decisións e a falta de transparencia.

A representante nacionalista insistiu no feito de que o presidente do Uruguai fose  "aplaudido por Alberto Núñez Feixoo" e afirmou que ambos os dous mandatarios "coinciden na defensa do neoliberalismo sanitario”.