Eva Cameán: "Paso a paso, 'Mans á terra' achega todas as nocións para poder cultivar na casa"

Eva Cameán é a autora do curso de horta 'Mans á terra' (Foto: Nós Diario)
Eva Cameán (Carballo, 1994) é a autora do novo coleccionábel que desde esta quinta feira, 1 de abril, acompañará Nós Diario. Trátase de Mans á Terra, un completo curso de horta na casa composto de 17 fascículos. Cameán é monitora na escola ambiental da Senda Nova e impulsora da horta comunitaria Sementando no Espazo, en Carballo. 

Durante o mes de abril Nós Diario achegará de terza a sexta feira Mans á terra, un curso da súa autoría que dá todas as chaves para iniciarse na horta. Que atopará a lectora e o lector neste novo coleccionábel?

Mans á terra é un curso que fornece dos coñecementos necesarios para comezar a cultivar unha horta na casa, e que pode pór en práctica tanto  quen dispoña dun espazo de terra grande como para quen viva nun piso, teña ou non varanda. 

As lectoras e os lectores de Nós Diario atoparán neste suplemento as nocións básicas para cultivar por si mesmas dun modo sustentábel, respectuoso co medio, apostando pola ecoloxía e a reutilización de elementos. 

Tratándose dun curso, cada fascículo é unha lección?

Si, son 17 leccións ao longo das cales se vai avanzando gradualmente nas tarefas necesarias para pór en marcha, manter e preservar a horta.

Paso a paso, de forma cronolóxica e ordenada iremos vendo o que cómpre facer, adquirindo coñecementos básicos para poder comezar a cultivar a horta desde cero, cunha aproximación aos principios da agricultura ecolóxica, con múltiples propostas para reutilizar materiais que adoitan acabar no lixo.

De feito, cada fascículo achega varias ideas sobre como reaproveitar materiais vellos.

Cando nos iniciamos nunha actividade, sexa cal sexa, parece que temos que investir unha importante cantidade de diñeiro en ferramentas profesionais e materiais, xa sexa facer un deporte ou cultivar a terra. Mais o certo é que para a horta non fai falta case ningún gasto. Podemos amañarnos con cousas que temos na casa e darlles unha segunda vida a obxectos que doutro modo irían parar ao lixo. 

A capa de cada suplemento incorpora un apartado titulado Os 3 'R' na horta, onde dou ideas para reutilizar distintos materiais. Por exemplo, moita xente descoñece que as cascas de ovo son un elemento fantástico para engadir aos composteiros, pero non rematan aí as súas vantaxes, por exemplo, son perfectas para elaborarmos pequenos sementeiros que nos servirán para xerminar algunhas  sementes que posteriormente transplantaremos á horta ou á maceta. Ademais, moita xente aínda non sabe que poden usar estas cascas como repelentes de caracois e lesmas.

Achega tamén unha receita, mais... non é gastronómica. 

Efectivamente, son receitas de preparados sinxelos para elaborar con materiais que teñamos de man na casa e que servirán para facer a horta máis sa. Trátase de preparados que pode realizar a lectora ou lector doadamente e que axudarán a combater pragas e previr enfermidades.

Por exemplo, a cola de cabalo é unha planta que podemos atopar silvestre, e tamén na horta, e que ten infinidade de propiedades medicinais. Nunha das leccións explico como realizar un extracto fermentado con cola de cabalo, que servirá como estimulante para todo tipo de plantas e que as axudará a estaren protexidas contra insectos e fungos.

E moitas destas ideas veñen da súa experiencia na Asociación Senda Nova, non?

Si, en Senda Nova temos varios proxectos e un local social que é o Espazo de Natureza de Oza, en Carballo. Aquí hai un recinto exterior con hortas e invernadoiros que utilizan as nenas e nenos da escola ambiental de Senda Nova, que é un dos proxectos de máis longo percorrido que temos na asociación.

O Espazo de Natureza tamén se emprega para outros programas que desenvolvemos na horta, como o de Sementando no Espazo, unha experiencia de horta comunitaria de cesión de parcelas que as familias veñan cultivar. Tamén desenvolvemos actividades programadas pola asociación cun carácter máis concreto, como charlas sobre agricultura.

E de onde vén o seu interese polo activismo ambiental e mais pola horta?

Eu estudei Integración Social e  neste mes de marzo veño de abrir Clarión, unha libraría en Carballo especializada en literatura infantil e xuvenil e no xogo educativo, e que procura ser punto aberto para a cultura e a difusión. Con todo, a terra e os cultivos sempre me chamaron. Eu cheguei a Senda Nova cando estudaba bacharelato no instituto.

En Educación Física sumabamos un punto se íamos a unha ruta de sendeirismo con Senda Nova e así acabei. Empecei indo por un punto que me facía falla na clase e acabei quedando. Fun á primeira ruta con 16 anos e xa quedei. 

Ademais, neste coleccionábel vincula a cultura oral coa horta

Aínda que neste curso falemos de horta ecolóxica e de cuestións moi novidosas, o traballo da terra está presente na nosa tradición e de aí bebe tamén o refrán, como manifestación da sabedoría popular e da tradición oral que nos vai inculcando a xente maior e que vive de xeración en xeración. En moitos refráns están reflectidos os labores da horta, a cronoloxía do traballo da terra, a influencia da meteoroloxía nos cultivos, na vida... 

Por iso quixen incluír en cada fascículo un refrán, algúns deles coñézoos pola miña avoa, que é a quen mais recorro para aprender da horta. Moitas preguntas que lle fago sobre o coidado dos cultivos teñen, de facto, a resposta nun refrán. Ao final, a horta e o campo forman parte da nosa vida e cultura e están moi presentes en nós.

Se non es asinante, reserva o teu exemplar no quiosque para non ficar sen el. Lembra que podes facerte subscritora ou subscritor nesta ligazón, e mesmo podes apoiar o medio sen se te facer asinante, na opción de mecenas ou amizade.