Estudantes sen piso, a punta do iceberg da escaseza de vivenda para alugar na Galiza

O Ensanche compostelán segue a ser unha das zonas preferidas polo estudantado para o aluguer. (Foto: Nós Diario)
A vivenda para alugar estase convertendo nun ben de luxo na Galiza, tanto polo seu prezo como pola dificultade de conseguir unha. Unha combinación que estas semanas están a comprobar os universitarias e universitarios que procuran piso quer no campus de Compostela, Vigo ou da Coruña.

Longas colas de estudantes ante unha inmobiliaria do barrio compostelán de Conxo para intentar conseguir un piso de aluguer para o curso 2023-2024 que principia en setembro. A imaxe abriu noticiarios e puxo o foco sobre como nos últimos anos atopar un inmóbel para vivir e que non implique unha sangría para o peto é pouco menos que misión imposíbel nas cidades galegas con universidade, nomeadamente na capital, Compostela.

Malia a importante caída de estudantes universitarios nos últimos anos —consecuencia da caída da natalidade, entre outros factores—, aínda son un número importante: nas tres universidades galegas abeiran os 60.000. É 35% menos que no ano 2000, cando eran máis de 95.000, pero segue a ser unha cifra considerábel: case poderían disputarlle a Ferrol o ser a sétima cidade da Galiza. Unha parte considerábel destas universitarias e universitarios procurar vivenda para pasar o curso. Na Galiza, a oferta pública de prazas en residencias e colexios maiores apenas chega ás 2.000. Un dato: só en Compostela 2.400 alumnas e alumnos ficaron sen praza nas residencias da universidade. 

Á procura do tesouro

Con esta escaseza de oferta de prazas públicas, imponse a necesidade de atopar un piso para alugar, normalmente con outras estudantes. Mais isto, cada ano que pasa, é máis difícil, algo que recoñece o propio estudantado e tamén o sector inmobiliario. O motivo? A escaseza de vivendas no circuíto comercial do aluguer, que vén desde hai tempo. 

O arrendamento tradicional é cada vez menos habitual porque o aluguer turístico está en auxe, xa que sae economicamente máis rendíbel para as persoas propietarias: "A maioría dos pisos arránxanos, refórmanos, para piso turístico", asegura María López, de Jaspem Inmobiliaria.

Así pois, hai unha escaseza de oferta e unha demanda alta. O resultado, prezos "moi desorbitados". Segundo a Federación Galega de Empresas Inmobiliarias (Fegein), en Compostela o número de pisos para arrendar que hai no circuíto non chega a 300. Nesta cidade, o prezo do aluguer aumentou en 21% desde o ano 2019. Se facemos a comparativa con 2014, case unha década atrás, ese incremento foi de case 40%.

Esta situación repítese no resto de cidades galegas. Así, na Coruña os pisos nese circuíto de comercialización para o aluguer andan nos 500. Aquí, o prezo para arrendar estes inmóbeis  subiu en case 50% desde hai unha década, segundo os datos do Observatorio da Vivenda da Galiza. Un aumento de 22% só nos últimos catro anos.

En Vigo, o panorama non varía. O parque de inmóbeis para arrendar sitúase nos 450. Desde 2019, o prezo de aluguer incrementouse en 17%. Desde 2014, o aumento foi de 36%.

Na Universidade da Coruña as prazas públicas de residencias para estudantes repártense entre as 25 no campus de Ferrol e as 118 no coruñés. En Vigo atópanse as 218 prazas da residencia pública situada no Campus das Lagoas-Marcosende e as 200 da residencia universitaria As Burgas no campus de Ourense. Números escasos para a demanda existente e que sitúan o mercado de vivenda privado como recurso ao que se ve obrigado a recorrer o colectivo universitario. Mais nel, a oferta é miúda e os prezos altos. 

“Están todos a prezos bastante altos. A maioría atópanse en ao redor de 700 euros ou incluso máis”, afirma Paula García, estudante de Dereito na USC. A súa compañeira, Alba Queiruga, e que estuda o grado de Relacións Laborais critica, ademais, o estado dos inmóbeis. "O que non alugan a turistas, porque saben que non llos van coller do estragados que están,  arréndanos a estudantes", denuncia.

O Coafga, o Colexio Oficial de Administradores de Fincas da Galiza, alertou de que moitos dos inmóbeis que se alugan a estudantes universitarios non reúnen as condicións adecuadas para habitar neles, ademais de teren un prezo moi elevado. Coafga lembra que os pisos deben ser aptos para o seu uso e reunir unhas condicións mínimas de habitabilidade. Ademais, deben dispoñer de instalacións seguras e actualizadas de gas, electricidade e auga. 

Aqueles pisos que conten con graves danos ou humidades insalubres, características que presentan algúns inmóbeis que están no mercado de alugueiro, segundo manifestaron algúns colexiados que exercen a súa actividade en Santiago, deberían considerarse non aptos para a habitabilidade.

Exclusión

O problema de falla de vivenda non é exclusivo do estudantado da USC. En Vigo, os estudantes empezaron a manifestar a dificultade de atopar vivenda en aluguer. Ademais, algúns tamén aseguran percibir que cada vez os contratos de arrendamento inclúen máis requisitos, de maneira que os estudantes fican excluídos. Marta Rodríguez, de Lugo, estuda un ciclo de FP en Vigo. "Aquí por baixo de 500 euros faise difícil atopar algo, e ademais son pisos cativos", apunta. Segundo indican axencias inmobiliarias e tamén varios administradores de fincas da cidade, cada vez son máis os caseiros que deciden non alugar os seus inmóbeis a estudantes durante o curso docente.

“Non pode ser que pidan 300 euros por unha habitación nun piso no que as zonas comúns están completamente desfeitas, sofás rotos e paredes con fendas”, critica Marta.


Cinco pisos turísticos por cada vivenda de protección da Xunta

O parque público da Xunta da Galiza está integrado por 3.788 vivendas propiedade do Instituto Galego da Vivenda e Solo (IGVS) e da empresa pública Xestur. Adxudícanse en réxime de aluguer a prezos accesíbeis e regulados entre as persoas inscritas no Rexistro Único de Demandantes da Galiza. Esta cuarta feira, 26 de xullo, había 13.011 demandantes dunha vivenda de protección oficial en aluguer, compra ou en aluguer con opción a compra. Por outra parte, fronte á carestía, o outro extremo está nas vivendas de uso turístico (VUT), que na Galiza aumentan a un ritmo constante.

A inicios deste mes estaban rexistradas 19.000. Son case 1.000 máis que as que había en abril de 2023. Entre xaneiro e xuño, o número de inmóbeis que nas principais cidades galegas se destinan ao turismo experimentou un aumento, se ben en diferente magnitude. Onde máis incrementou foi na Coruña, 26% —ao pasar de 713 ao inicio do ano a 903 agora—. Onde menos, en Compostela, perto de 5%, unha cidade onde foi aprobada unha regularización das VUT que pon límites á súa expansión. As previsións para este verán na vivenda turística son as mellores dos últimos anos, superando as de 2022.

Segundo un estudo da Federación Galega de Empresas Inmobiliarias (Fegein), as reservas de VUT aumentaron nas Rías Baixas de 72% do pasado verán a 76% do actual, mentres que nas Rías Altas pasaron de 69 a 73% de reservas. A propia Fegein, pola súa parte, recoñece que aquelas vivendas que se destinan ao aluguer convencional no mercado non acaban de superar as 3.000.