Tenente de alcalde de Lugo

Rubén Arroxo: "Estamos a construír un Lugo que segue a crecer, e iso a algúns non lles vai ben"

O tenente de alcalde de Lugo, Rubén Arroxo, asegura sentirse “orgulloso” da peonalización da Mosqueira (Foto: Concello de Lugo).
O tenente de alcalde de Lugo, Ruben Arroxo, recibiu na terza feira varias ameazas de morte a través de pintadas en rúas polas que pasa “frecuentemente”. O nacionalista asume o acontecido mentres segue a traballar por un Lugo “dinámico” e “plural”, algo que, segundo remarca, “non soporta a ultradereita”.

—É a primeira vez que recibe ameazas deste tipo?

En pintadas nas rúas si. Ou polo menos é a primeira vez da que temos constancia. Si que teño recibido ameazas polas redes sociais, de perfís falsos claramente identificados con persoas que simpatizan coa ultradereita. Lugo é unha cidade moi tranquila, non adoitan ocorrer estas cousas, pero sempre hai xente que se serve do anonimato das redes ou dunha pintada nun muro para cometer estes actos covardes.

—Vai denunciar vostede ou o BNG ante as autoridades para que se investigue a autoría das pintadas?

De momento non valoramos esa posibilidade, aínda que sempre está sobre a mesa. Todo dependerá de se isto vai a maiores. Se queda como un simple acto ocasional non seguiremos, mais se se repite teremos que tomar medidas doutro tipo.

—Explica nas redes sociais que unha parte da oposición carga contra vostede polo “avance que está a pegar Lugo” desde que o BNG forma parte do Goberno local. Cales son eses avances dos que fala?

Lugo está a adquirir un dinamismo que, en palabras de moita xente, nunca tivo. Son unha serie de cambios que nunca se viron na historia da cidade. E iso, evidentemente, á dereita e sobre todo á ultradereita corróelles por dentro. Non o poden soportar, e a súa forma de confrontalo é mediante unha campaña continua de ‘bulos’, difamacións e ameazas. Non saben actuar doutra forma, e non fan máis que deixalo patente con este tipo de actuacións. Mentres tanto, nós estamos a construír o Lugo do que a veciñanza sempre falou, un Lugo que segue a crecer, e iso a algúns non lles vai ben.

—Desde que ocupa a Tenencia de Alcaldía, cal é a medida levada a cabo da que máis orgulloso se sente?

En xeral de todas, mais penso que esa medida sería a peonalización do tramo da Mosqueira. Cando a alguén lle dis que debuxe Lugo, pensa na Muralla cos arcos da Mosqueira, os únicos que quedan en pé na actualidade. É un espazo simbólico da cidade, toda a veciñanza séntese identificada con el, os visitantes pasan por el si ou si... Por tanto, que a Mosqueira deixase de ser un espazo polo que pasaban dous carrís de circulación a ser unha praza totalmente peonil é un avance moi importante. A obra aínda non está rematada, pero vai ser a referencia de Lugo.

—Cal é o obxectivo do seu proxecto para Lugo?

O obxectivo baséase en varios puntos. O primeiro e fundamental é o mantemento e protección da Muralla, xa que o urbanismo da cidade evolucionou a partir dela. Desde aí, xira todo o demais. Apostar por un transporte público máis eficiente, por humanizar os barrios, por crear máis espazos públicos nas zonas onde antes non había, pola cultura de base e local... Desde logo, a idea é construír unha cidade plural para a xente.