1.000 'Nós Diario'

Catro anos de 'Nós', catro anos de cambio: o caderno conmemorativo dos 1.000 números

Capa do caderno especial de 48 páxinas que agasallará 'Nós Diario' este sábado.
'Nós Diario' conmemora a tirada do número 1.000 do xornal este sábado 11 de novembro agasallando un caderno especial de autoría colectiva no que referentes de diferentes ámbitos da sociedade galega analizan as mudanzas destes últimos catro anos, desde que o primeiro 'Nós' saíu do prelo alá por xaneiro de 2020.

O próximo sábado, 11 de novembro, Nós Diario está de celebración. Case catro anos despois de saír o primeiro número do único diario en papel íntegro en galego -2 de xaneiro de 2020-, e malia as adversas circunstancias ás que a Galiza e o mundo enteiro tiveron que facer fronte nestes últimos tempos, este sábado sae do prelo o número mil deste xornal, un medio que só é posíbel grazas ás achegas de centos de subscritoras e subscritores que acreditan nun proxecto de xornalismo sustentábel, libre e pensado por e para Galiza.

Para celebralo, o Nós Diario do día 11 de novembro virá acompañado, ao prezo habitual dos sábados de 3,20 euros, de numerosos agasallos. En primeiro lugar, como é habitual os sábados, a revista semanal Sermos Galiza. Tamén se incluirá a entrega diaria do coleccionábel gratuíto 30 castelos e torres para descubrir un reino, o exemplar correspondente ao mes de novembro da revista de pasatempos A formiga no carreiro —de balde para persoas subscritoras e para o resto de lectoras e lectores, a diferenza dos demais suplementos, a un prezo a maiores de só 1,80 euros— e, ademais, un caderno especial conmemorativo destes 1.000 números.

Ao longo de 48 páxinas deste especial, as Tanxugueiras, Olga Novo, Pela del Álamo, Vide Vide!, O Rabelo, Sonia Villapol, Xosé Ramón Freixeiro, Paula Domínguez Pauleta, Neves Brisaboa e o Grupo Nove, referentes da Galiza en diferentes ámbitos —ciencia, deporte, música, arte, investigación, etc.—, asinarán senllos artigos nos que repasarán os principais fitos dos últimos catro anos, desde que saíu do prelo o primeiro número do Nós Diario.

Que pasou ao longo destes 1.000 números?

Apenas dez meses despois de ver a luz Nós Diario, Olga Novo (A Pobra do Brollón, 1975) era recoñecida co Premio Nacional de Poesía coa obra Feliz Idade. A poeta do lugar de Vilarmao recrea, con motivo do número 1.000, aquel outubro de 2020, cando tivo coñecemento do galardón, "souben naquel intre preciso que a verdadeira poesía levaba esa tarde un cestiño de castañas, que tiña case 80 anos, que apenas leu un libro...".

A neurocientífica Sonia Villapol converteuse nun exemplo do papel que as investigadoras e investigadores desenvolveron na loita contra a pandemia da Covid-19. A galega, que comezou os seus estudos na Universidade de Santiago de Compostela, traballa no Texas Medical Center de Houston (EUA) e é integrante do Equipo de Investigación Internacional da Covid-19. Neste artigo, relata para Nós Diario o labor da ciencia “ao rescate” das persoas tras a declaración da pandemia.

O catedrático de Filoloxía Galego-Portuguesa da Universidade da Coruña (UDC) Xosé Ramón Freixeiro Mato achega unha análise sobre unha das obras que nestes últimos anos contribuíu a pór ao descuberto a verdade sobre o pasado da Galiza: Unha etapa estelar e conflitiva de Galiza (a segunda metade do século XIV), de Francisco Rodríguez e editado pola AS-PG. Un libro de máis de mil páxinas, escrito con profundidade e rigor no manexo das fontes documentais, que racha coa falsificación e ocultación histórica da Galiza.

Durante estes catro anos e 1.000 números de Nós Diario, a conciencia feminista avanzou en todos os campos da sociedade e nomeadamente no deporte. Deportistas, precisamente, derruban teitos e consolídanse como referentes para as novas xeracións. Paula Domínguez, máis coñecida como Pauleta (Redondela, 1997), é unha das mellores futbolistas galegas, a primeira xogadora centenaria dun club histórico como o Benfica, gañadora de varios títulos en Portugal e, precisamente, é unha referente para moitas nenas galegas que queren practicar ou dedicarse ao deporte.

O proxecto musical do Rabelo une regueifa, improvisación tradicional, freestyle... e comezou en 2019, pouco antes da saída do primeiro número de Nós Diario. Neste tempo publicou a maqueta Que prenda a faísca e os álbums SUOR e Silva e escribiu libros como Betadine -arestora en imprenta-. Como creador trans é referencia para o colectivo LGBTIAQ+, que nos últimos tempos viviu avances no recoñecemento dos dereitos, na normalización de realidades diferentes ás normativas. A sociedade estase transformando “e a disidencia xoga un papel clave nesta transformación, visibilizando formas de comportarnos, vestir, relacionarnos e ser que até agora non eran recoñecidas”, sinala.

E que dicir das Tanxugueiras, que nos últimos catro anos experimentaron un enorme crecemento que as levou a copar os principais escenarios do panorama musical do Estado español coas súas letras e músicas con selo galego. En xaneiro de 2022 déronse a coñecer ante millóns de persoas que aínda non sabían do seu bo facer levando o tema Terra ao Festival de Benidorm e ficando ás portas de lograr o billete a Eurovisión.

A profesora da Facultade de Informática da Universidade da Coruña Neves Brisaboa, Premio Nacional de Informática Ángela Ruíz Robles, reflexiona neste artigo acerca da revolución tecnolóxica que representa a Intelixencia Artificial e pon a ollada tanto nos riscos que supón como nas oportunidades que abre.

Os promotores do espazo enocultural compostelán Vide, Vide!, Martiño Santos e Xosé Gontá, debullan neste artigo o acontecido no sector vitivinícola galego nos últimos anos. Apelando a converter a viveza deste campo da economía en éxito e consolidación, os tamén autores do libro A nación dos mil viños (Laiovento) -obra que naceu froito dunha publicación coleccionábel de Nós Diario- apostan por facer do viño un dos motores da recuperación do rural.

Este caderno especial complétano o cineasta e director artístico do Festival Curtocircuíto, Pela del Álamo, que repasa os fitos no seu campo desde 2020, cos grandes éxitos colleitados neste tempo polo audiovisual galego, e mais o Grupo Nove, os 22 chefs que revolucionaron a alta cociña na Galiza como potencia gastronómica e culinaria e de vangarda a nivel mundial.