Especial 'Nós Diario'

'Nós Diario' celebra este sábado o número 1.000 con moitos agasallos!

Detalles dos catro agasallos do 'Nós Diario' deste sábado.
O xornal venderase ao prezo habitual de 3,20 euros canda a revista cultural 'Sermos Galiza'. E, a maiores, a entrega diaria do coleccionábel '30 castelos e torres para descubrir un reino', un caderno conmemorativo dos 1.000 números coas sinaturas das Tanxugueiras, Sonia Villapol ou Pauleta e a revista de pasatempos 'A formiga no carreiro'. Non o perdas, vai ao quiosque este sábado!

Este sábado, 11 de novembro, é un día de celebración! Nós Diario editará o xornal número 1.000 desde que iniciou esta andaina en xaneiro de 2020. Case catro anos de información diaria en lingua galega, con rigor, independencia e pensada por e para Galiza. E, con motivo desta efeméride, a empresa editora do xornal, Sermos Galiza S.A., fai un chamamento a lograr outras mil subscricións para afianzar un proxecto que só é posíbel grazas ás achegas dos centos de persoas subscritoras.

E, para celebralo, o diario deste próximo sábado virá cargado de novidades e agasallos ao prezo habitual de 3,20 euros, pois canda o xornal inclúese sempre este día a revista cultural Sermos Galiza, de 32 páxinas, igual que o Nós. E, a maiores, este sábado día 11 o xornal e o semanario virán tamén acompañados da entrega diaria do coleccionábel que desde o pasado mes agasallamos, 30 castelos e torres para descubrir un reino, con outras 16 páxinas a toda cor.

Mais a promoción non remata aquí! Xunto ao Nós Diario, o Sermos Galiza e o coleccionábel atoparás este sábado un suplemento conmemorativo destes mil números no que participan figuras galegas de referencia en diferentes ámbitos como a música, a ciencia ou o deporte. Este caderno especial será tamén totalmente gratuíto.

Así, ao longo de 48 páxinas as Tanxugueiras, Olga Novo, Pela del Álamo, Vide Vide!, O Rabelo, Sonia Villapol, Xosé Ramón Freixeiro, Paula Domínguez Pauleta, Neves Brisaboa e o Grupo Nove asinarán senllos artigos nos que repasarán os principais fitos dos últimos catro anos, desde que saíu do prelo o primeiro número do Nós Diario.

Por último, pois queremos celebrar como merece esta ocasión, xunto ao Nós Diario, o Sermos Galiza, o coleccionábel 30 castelos para descubrir un reino e mais o caderno especial dos 1.000 números obterás, a maiores, a nova edición, a correspondente ao mes de novembro, da revista de pasatempos A formiga no carreiro, composta por 48 páxinas con diferentes retos e xogos para adestrar o cerebro. Esta revista será tamén de balde, xunto ao resto de publicacións, para as persoas subscritoras de Nós Diario, mais terá un custo adicional de 1,80 euros para as persoas lectoras que adquiran o xornal deste sábado nos quiosques. Non así o resto de publicacións —caderno dos 1.000 números, coleccionábel e Sermos Galiza—, pois son gratuítos mercando o xornal. 

Serán, en total, 176 páxinas a toda cor para celebrar os 1.000 números de Nós Diario... coa vista posta xa nos próximos 1.000! Máis información, máis análise, máis lecer e, sobre todo, máis Nós Diario! Mil números editados... mil subscricións máis!