A escaseza de auga esténdese e activa os plans municipais contra a seca

Estación depuradora de Viaqua no río Tambre. (Foto: Arxina)
A situación de seca prolongada que atravesa a Galiza mantén boa parte do territorio en condicións de alerta e prealerta ante a mingua da cantidade de auga que levan moitos ríos tanto na demarcación Galiza-Costa como nas concas do Miño e do Sil. Cada vez son máis os concellos que avanzan medidas concretas contra a escaseza de auga. Un dos últimos, o de Compostela, que vén de dar conta do seu plan contra a seca.

O Concello de Santiago non é o único da comarca que observa con preocupación o caudal do río Tambre tras ampliar a Xunta da Galiza a situación de "prealerta por escaseza" de auga á súa bacía mais á do resto de ríos que desembocan na ría de Muros-Noia.

Augas da Galiza actualizou a pasada sexta feira o mapa de alertas por falta de auga e mudou, tamén, o nivel de aviso na conca do río Grande e do resto de ríos que desembocan na ría de Camariñas, nesa zona da costa máis nas costas de Cabana, Laxe e Muxía.

Agora están en prealerta, ao igual que as bacías dos ríos Bahíña, Miñor e Zamáns, nas comarcas de Vigo e Val Miñor; un sinal de alarma que xa estaba activado e continúa no contorno do río Lérez e da ría de Pontevedra mais no río Anllóns e na costa da Coruña ata límite con Arteixo. No resto da demarcación Galiza-Costa, os valores rexistrados son normais, sostén o Goberno galego.

Alerta no Cabe e no Limia

Na Confederación Hidrográfica Miño-Sil, a condición de seca prolongada non afecta por igual todos os territorios. En conxunto, o caudal circulante nas co caudal circulante nos ríos da conca minguou nun 40% a respecto da media do ano pasado.

Con todo, a bacía do Miño amosa un risco inferior ao que ofrece a conca do Sil, en situación de prealerta. Máis grave é a escaseza na que se atopan os ríos Cabe e Limia, en alerta desde primeiros de agosto.

No ano máis seco da Galiza desde que se teñen datos, o mes xullo anotou un nivel de precipitacións 66% inferior ao habitual, segundo os rexistros de Meteogalicia. Non foi unha caída illada, xa que tanto o outono-inverno pasados como a primavera anotaron a seus propios descensos, cun 30% menos de chuvias, de media, a respecto do agardado.

A seca prolongada que atinxe todo o territorio desde febreiro é resultado desta falta de precipitacións combinada con períodos de calor extremos, mais a escaseza de auga non responde só a estas variacións do clima. Ten máis que ver coa demanda dos recursos hídricos dispoñíbeis e a capacidade das redes municipais e veciñais para atendelas.

Presión hídrica

Nas últimas semanas o caudal do río Tambre, que abastece boa parte da comarca de Compostela, viuse reducido á metade. Os niveis de captación de auga atópanse nunha situación límite en municipios como o de Ames ou Oroso. Inflúe a demanda da poboación habitual pero o que marca a diferenza é a presión  sobre o consumo que exerce a grande afluencia de visitantes á capital da Galiza. Ocorre o mesmo en zonas turísticas de costa onde duplican ou multiplican por máis de tres o número de habitantes habitual.

Neste sentido, os municipios chaman a reducir o consumo de auga e a facer un uso responsábel deste recurso co fin de evitar medidas máis drásticas nas próximas datas. É o caso de Ames, Oroso e, agora, tamén de Santiago de Compostela.

Encontro con Augas da Galiza

Segundo confirmou onte a concelleira de Medio Ambiente de Santiago de Compostela, Mila Castro, os concellos da ribeira do Tambre están chamados hoxe a unha reunión con persoal técnico e responsábel de Augas de Galiza co fin de coordinar as medidas necesarias após a declaración da prealerta por escaseza de auga na contorna.

Castro informou deste encontro coa Administración galega durante un acto no que deu conta do plan de emerxencia municipal fronte a seca, un plan que deu a coñecer á Xunta en decembro do ano pasado e que agora busca trasladar á poboación.

Desde primeiros de agosto Compostela reduciu as regas e os baldeos ademais de fomentar un uso responsábel nas casas, hortas e piscinas; unha iniciativa  que permitiu reducir o consumo municipal de auga de 5 a pouco máis de 2%, precisou a empresa concesionaria do servizo. De se agravar a situación o Concello prevé prohibicións en consumos secundarios, feche de fontes, limitacións nos usos industriais, redución da presión nocturna na rede e cortes na subministración en distintas franxas horarias.
Sen chegar ás restricións máis drásticas, Ames e Oroso xa botaron man dalgunha destas solucións, moi pendentes dos núcleos rurais sen conexión á traída municipal e dependentes de redes veciñais que comezan a esmorecer.