A seca esténdese pola Unión Europea afectando os cultivos e o comercio

Francia e Alemaña ven en perigo a súa produción eléctrica.
O río Tíber ao seu paso por Roma (Italia). A baixada do nivel permite ver os restos da ponte construída no mandato de Nerón en Roma. (Foto:  Oliver Weiken / dpa)
photo_camera O río Tíber ao seu paso por Roma (Italia). A baixada do nivel permite ver os restos da ponte construída no mandato de Nerón en Roma. (Foto: Oliver Weiken / dpa)

Arredor da metade do territorio da Unión Europea (UE) ten activado o aviso por seca, revela o Centro Conxunto de Investigación da Comisión Europea. Desde Bruxelas (Bélxica), o Executivo da UE deixaba claro que esta seca podería ser "a peor da historia" da rexión.

Os efectos vanse espallando de país en país, alimentados polas reiteradas ondas de calor do verán e por unha falta de chuvia que non remitirá até ben entrado o outono, predí o centro de investigación. Esta mesma institución xa alertara hai anos do impacto do aumento da temperatura por mor da mudanza climática nestas situacións.

En Romanía, as labregas e labregos denuncian a práctica desaparición dos seus cultivos de xirasol e millo; en Francia, as leiras con xirasol e lavanda son as máis afectadas, e en Italia, o Goberno decretou o estado de emerxencia en cinco rexións pola peor seca do río Po nas últimas sete décadas. O val do Po produce aproximadamente 40% dos alimentos de Italia, especialmente trigo, arroz e tomates.

A isto súmase o aumento dos prezos. "Non podo determinar as perdas económicas só pola seca porque, por exemplo, o prezo dos fertilizantes pasou de 40 a 120 euros por quintal", sinala Elisa Moretto, produtora de arroz, a medios internacionais.

Riscos para a subministración eléctrica

No caso francés, 62 dos 93 departamentos están en alerta vermella por falta de auga, afectando a gandaría amais da agricultura. Non obstante, tamén está pondo en risco a subministración eléctrica no país, pois a alta temperatura dos ríos está facendo cada vez máis difícil manter en funcionamento as centrais nucleares, que producen máis do 60% da electricidade e precisan desta auga para refrixerar os reactores.

Hai menos dun mes unha onda de calor xa obrigou as autoridades de París, Berlín, Estocolmo, Helsinki e Berna a apagar ou reducir a capacidade de produción dalgunha destas instalacións.

No que atinxe a Alemaña, o río Rin está na maioría dos puntos de mostra a un nivel inferior ao 50% do caudal medio nesta época. O Rin é a ruta fluvial máis utilizada da Unión Europea, a falta de auga levou a fechar a circulación en moitos puntos, obrigando a utilizar barcas máis pequenas ou mobilizar o transporte por estrada, que é máis caro.

Amais, está freando a súa estratexia de incrementar a produción de electricidade nas centrais térmicas para substituír a baixada de subministración do gas natural ruso, ao estar situadas boa parte delas nas ribeiras do Rin, vía pola que reciben o carbón.

Malia que outros países polos que pasa o río tamén se viron afectados, como Suíza, o maior prexudicado está a ser Países Baixos, onde vai dar ao mar. Alí, o Executivo resolveu declarar o 3 de agosto unha "escaseza de auga de facto", o que delega nunha comisión nacional a xestión da auga.

Ademais da navegación comercial, a falta de auga no curso pon en risco a estabilidade dos diques nas zonas de turbeiras e xera problemas na distribución de auga, na que está a entrar auga mariña. A meirande parte destes Estados tamén impuxo medidas de racionamento do uso de auga para enfrontar a crise.

En España os encoros están no nivel máis baixo en 27 anos

Os últimos datos ofrecidos polo Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico sitúan os encoros no Estado español no 39,2% da súa capacidade, a cifra máis baixa a esta altura do ano desde 1995, e un 17% menos que en 2021.

Estes datos agudizan a aparición e intensidade dos incendios e a desertificación dalgúns territorios, o Fondo Mundial para a Natureza (WWF) estima que un 75% do Estado ten risco severo de padecela.

Precisamente neses lugares, localizados no centro e sur da península, é onde os encoros rexistran cifras máis preocupantes, coa bacía hidrográfica do Guadiana, do Guadalquivir, e a de Guadalete-Barbate por baixo do 30% da súa capacidade total, mentres que a conca do Segura, a mediterránea andaluza, a do Texo ou a do Douro non superan o 50%.

Comentarios