Os parques eólicos reducen o aproveitamento agrícola

Aeroxeradores do parque eólico Corzán, en Negreira, operado por Enerxías Especiais do Noroeste (Foto: B. Bouzas).
Os principais sindicatos do rural galego sinalan a 'Nós Diario' as principais afeccións dos parques eólicos sobre os concellos. Os terreos que abrangue unha poligonal convértense en solo industrial, e as empresas poden usalos en calquera momento para os seus intereses, en detrimento do aproveitamento agrícola.

A Xunta da Galiza está a tramitar actualmente arredor de 150 novos parques eólicos, que sumarían 10.000 megawatts (MW) de potencia aos perto de 4.000 xa instalados. Aliás, o Estado valora as solicitudes doutro medio centenar de proxectos.

A meirande parte deles asentaríanse en concellos rurais pouco poboados, unha cuestión para a que as empresas enerxéticas gábanse de ter a solución a través dos postos de traballo que crearían eses parques. Porén, as cifras actuais evidencian que os empregos xerados por cada instalación eólica poden contarse cos dedos dunha man.

"Asistimos a unha implantación masiva de parques nas zonas rurais, xa que nas cidades non se proxectan, polo que todo o impacto negativo vai para os concellos do rural", sinala, en declaracións a Nós Diario, o coordinador xeral da Federación Rural Galega (Fruga), Manuel da Cal.

O sindicalista advirte do "grave problema" que supón este inzamento: "As poligonais son inmensas e dentro delas figuran moitos predios e terras de cultivo e de pastoreo que verían afectada a súa actividade produtiva, xa que os terreos que abrangue un parque eólico [nun radio de 200 metros ás turbinas] pasan a ser considerados de especial protección de infraestruturas e prevalecen os intereses das empresas, polo que poden utilizar esas leiras en calquera momento se precisan atravesalas cun tendido eléctrico e bater co aproveitamento agrogandeiro que poidan ter".

Tamén Isabel Vilalba, secretaria xeral do Sindicato Labrego Galego (SLG), incide nesta cuestión: "As promotoras eólicas meten nas súas poligonais as parcelas da xente e inscríbenas no Rexistro da Propiedade para o seu dereito futuro de explotación enerxética, o que supón unha hipoteca para estas persoas".

"Estase a utilizar a Galiza como territorio de sacrificio para abastecer de enerxía grandes centros de consumo como Madrid, que segue virxe de parques eólicos. E cómpre ter en conta que desde hai moitos anos vimos perdendo superficie agraria útil na Galiza", engade.

Pola súa banda, Xacobo Feixoo, responsábel da área de desenvolvemento rural de Unións Agrarias (UUAA), critica que os parques se estean a proxectar en comarcas maioritariamente agrarias, e lamenta a "grande oportunidade perdida" para o rural: "Os eólicos poderían xerar rendas aos propietarios dos terreos e contribuír ao desenvolvemento da zona. Co Goberno bipartito na adxudicación dos megawatts a instalar valorábase que un proxecto axudase a outras industrias asociadas, e actualmente, co sistema de poxas, perdemos ese valor engadido e a oportunidade de desenvolver un marco lexislativo axeitado, e quedamos só cos impactos negativos".

Os terreos ocupados polos muíños, inválidos para a PAC

A actual Política Agraria Común (PAC) expira en 2022, e as condicións que rexerán a liña de axudas nos vindeiros anos son aínda unha incógnita. Porén, o desenvolvemento eólico podería chocar cos intereses do sector primario. "O territorio que queda ocupado directamente polas infraestruturas pérdeno as explotacións e non poden declaralo para percibir a PAC", di Vilalba.

A este respecto, Da Cal apunta: "É cedo para saber como afectarán os eólicos á nova PAC, mais en principio as leiras enmarcadas dentro dunha poligonal [que non sexan ocupadas polos muíños] poderán seguirse declarando".

Pola súa banda, Xacobo Feixoo considera que "o que realmente afecta a PAC é que recalifiquen un terreo e perda a categoría de solo rústico ou solo rústico de especial protección agropecuaria". "Hectárea que che quitan, hectárea que perdes para percibir a PAC", engade.