Endesa reactiva a central térmica das Pontes tres meses despois do seu feche

Endesa reactiva os traballos na central das Pontes. (Foto: Europa Press)
Os primeiros cargamentos de carbón xa están camiño do complexo enerxético.

Endesa reactivou a primeira hora desta cuarta feira a central térmica das Pontes, ao pór en marcha un dos seus dous grupos aínda dispoñíbeis despois de tres meses sen estar en funcionamento.

Segundo asegurou o director desta central, Ignacio Sáinz, "o grupo 1 xa entrou en explotación e o grupo 2 está en proceso de revisión para poder reactivalo a comezos de 2023".

Esta decisión de reactivar a central térmica motivou que "a empresa aumentase o cadro de persoal medio da planta até levalo a unhas 60 persoas”. Aliás, a compañía enerxética prorrogou os contratos dos e das profesionais auxiliares “até xuño de 2023".

En canto ao carbón, Sáinz detallou que o primeiro buque con carbón almacenado no porto exterior de Ferrol está a ser trasladado por estrada cara ás Pontes e que "virán novas remesas en función do consumo dos grupos”. Está prevista a chegada doutro barco con outras 160.000 toneladas de carbón de Indonesia, que aportará ao longo desta cuarta feira.

Endesa manifestou que “ante unha situación de crise enerxética como a actual pon en explotación dúas das súas unidades de produción". Porén, a compañía matizou que a súa “estratexia non variou e mantén o seu compromiso de descarbonización para 2040 e segue apostando polas enerxías renovábeis".

Feche gradual da central

O Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico (Miteco), tras recibir un informe de Rede Eléctrica de España (REE), autorizou en setembro deste ano o feche de dous dos catro grupos da central térmica das Pontes, propiedade de Endesa. O feche dos outros dous grupos autorizarase de maneira condicionada, atendendo ao reforzo de variábeis de dispoñibilidade de potencia no sistema eléctrico, informou o Ministerio.

Tras coñecerse a decisión, Endesa presentou un plan de desenvolvemento de 2.682 millóns de euros para a Galiza, que xeraría 1.361 empregos. Este plan, suxeito ás preceptivas autorizacións, expón a substitución dos 1.400 megawatts (MW) de carbón das Pontes por 1.300 MW renovábeis, incluíndo ademais o plan de desmantelamento da central, a instalación de novos proxectos industriais no emprazamento da térmica, o impulso loxístico á terminal do porto de Ferrol e un plan de formación para as persoas da contorna.

Aínda que o Ministerio xa contaba cun informe de REE elaborado en 2020 para autorizar o feche dos catro grupos da central de carbón, cuns 350 MW cada un, na primavera deste ano decidiu solicitar un novo informe, á vista das tensións provocadas nos mercados enerxéticos pola situación bélica en Ucraína e a elevada exportación de electricidade provocada pola seca e a indispoñibilidade de boa parte da enerxía nuclear francesa.