Ribera aposta polo feche da central térmica das Pontes

A ministra para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico, Teresa Ribera, condicionou o feche aos resultados dun informe de Rede Eléctrica, que estuda a viabilidade desta medida.
Central térmica das Pontes, propiedade da enerxética Endesa. (Foto: Europa Press)
photo_camera Central térmica das Pontes, propiedade da enerxética Endesa. (Foto: Europa Press)

A vicepresidenta terceira do Executivo do Estado español e ministra para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico, Teresa Ribera, asegurou esta cuarta feira que non quere atrasar o feche da central térmica das Pontes, aínda que recoñeceu que se solicitou un informe ao operador do sistema eléctrico, Rede Eléctrica (REE), para avaliar se a súa clausura é viábel ou non no contexto actual.

Nesa liña, incidiu en que se REE dixese que é posíbel garantir 100% da electricidade sen necesidade de manter aberta a central, non tería sentido atrasar o seu feche debido a que supón un incremento de custos.

Ribera profundou en que mantela aberta suporía ter que pagar a súa dispoñibilidade operativa, "saír a buscar carbón, que nestes momentos tamén está extraordinariamente caro nos mercados internacionais, e atrasar un proceso que beneficia aos veciños da comarca, onde xa se identificaron algúns proxectos industriais moi interesantes".

"Se (REE) nos di que non cambiou (a súa valoración) e que é perfectamente viábel o feche porque está garantida a subministración a través do resto das centrais, procederemos a autorizar o feche", resolveu a ministra.

No entanto, Ribera matizou que se o operador do sistema considera que é conveniente manter aberta a planta, entón o seu Ministerio terá que ver en "que condicións e como se sufraga esa dispoñibilidade" operativa.

Criticas da Xunta

Pola súa parte, vicepresidente da Xunta e conselleiro de Economía, Industria e Innovación, Francisco Conde, volveu a reclamar esta cuarta feira ao Executivo estatal e a Endesa "que tomen decisións con claridade e transparencia", ante a eventual reactivación da central térmica das Pontes.

Conde insistiu en reclamar "decisións" para poder ter "unha idea clara" dos pasos que se van a dar coa central térmica das Pontes, e saber "se realmente se mantén a actividade" e poder "garantir" os proxectos industriais nos que se está traballando.

Un destes proxectos que aludiu o conselleiro galego é a factoría de papel tisú que planea desenvolver Ence. Esta empresa, en declaracións a Nós Diario, afirmou que a fábrica ocuparía "os terreos dun parque de almacenamento de carbón, actualmente en desuso, situado a varios quilómetros da central", polo que a viabilidade da súa actual proposta dependería da dispoñibilidade de ditas instalacións.

Comentarios