A vicepresidenta terceira e ministra para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico, Teresa Ribera, afirmou que, tras preguntar a Rede Eléctrica española, as súas previsións de garantía de subministración conclúen que "en principio" non será necesario que a central térmica das Pontes entre de novo en funcionamento.
"Temos un parque de xeración que nos permite funcionar, a non ser que haxa unha acumulación de catástrofes, sen As Pontes", constatou Ribera, con respecto á posibilidade de manter a actividade nesta planta de Endesa.
Máis tarde, insistiu en que "volver ao carbón é unha posibilidade moi improbábel", á parte de que a dispoñibilidade do mesmo nos mercados internacionais é escasa e o prezo do mesmo moi elevado, ao que se suma o seu custo do CO2.
No entanto, e dado que a prioridade do Executivo estatal é que non haxa posibilidade de cortes de subministración no horizonte, solicitouse un informe ao operador do sistema, Rede Eléctrica, para que valore a conveniencia ou non de reactivar a central á vista da situación enerxética internacional.
Fechamento ordenado das centrais nucleares
A vicepresidenta reiterou a súa aposta por manter un calendario de fechamento ordenado das centrais nucleares do Estado e puxo no albo as plantas de Francia, das que destacou os seus problemas de corrosión e falta de seguridade derivadas da "acumulación de tempo".
Ribera manifestou que o calendario é "importante" para ter "ordenado" todo o sistema de fechamento de maneira que se poida asegurar que hai unha capacidade de entrada (de enerxía) alternativa.
Ademais, a ministra considerou que esta axenda permitirá que todas as operacións de desmantelamento se fagan "coa máxima seguridade" e coa participación das persoas expertas na materia.