Endesa aduce causas naturais na turbidez do río Eume

Imaxes do Eume tomadas no lugar da Hermida no municipio das Pontes en setembro de 2020 (Imaxe: Colectivo Terra).
A Xunta anunciou a incoación dun expediente sancionador á enerxética por desatender os requirimentos de Augas da Galiza sobre a xestión da presa. Endesa, que formará parte da comisión de seguimento do río, alude a un informe de investigadores da UDC e asegura que o aumento de sedimentos no río "non entraña un incremento do risco sanitario".

A veciñanza do concello de Pontedeume suma dez días sen poder beber auga da billa. O Eume continúa a fluír con turbidez na semana na que se pon en marcha unha comisión de seguimento formada pola Xunta da Galiza, as Administracións locais de Pontedeume e Cabanas; Viaqua, concesionaria das augas, e mais Endesa, xestora do encoro do Eume e á que a Xunta incoou un expediente sancionador.

Esta última publicou nesta segunda feira, 19 de outubro, un comunicado no que argumenta que a turbidez do río é "un fenómeno natural". A compañía alude a un informe elaborado pola Cátedra de Enxeñería do Terreo da Universidade da Coruña.

No informe inclúese que a enerxética "realiza de forma sistemática o seguimento da calidade da auga, o que facilita o estudo". E que o cambio de cor das augas "obedece ao incremento do número de partículas de arxila que é transportada en suspensión".

A explicación da Cátedra de Enxeñaría do Terreo coincide en parte coas sospeitas das organizacións ecoloxistas Colectivo Terra de Pontedeume e Adega. A finais de setembro chamaron a atención polo baixo nivel das augas do encoro do Eume, que deixaron ao descuberto as lamas do fondo. Os investigadores da UDC sosteñen que o nivel baixo combinado cunha "chuvia intensa concentrada" deu pé a "unha importante suspensión e arrastre de sedimentos".

O informe estima que "o aumento da turbidez non entraña (ou entrañou) un incremento do risco sanitario". As medicións de Aguas da Galiza, dependente da Consellaría de Infraestruturas e Mobilidade, devolveron parámetros normais de acidez ou osíxeno.

As asociacións ecoloxistas reclaman tamén un estudo da presenza de metais pesados, pola proximidade do encoro á antiga mina de lignito das Pontes.