Investigan unha posíbel vertedura no río Eume

Imaxe do Eume o 6 de outubro, xornada na que a Policía Local de Pontedeume alertou a Augas da Galiza (Imaxe: Colectivo Terra).
Augas da Galiza, dependente da Consellaría de Medio Ambiente, está a estudar a súa orixe. O departamento da Xunta asegura que a pesar da súa turbidez as primeiras probas devolveron "parámetros normais". Desde o Concello de Cabanas barallan que proveña do encoro que xestiona Endesa ou dun punto posterior á presa. Hoxe, represenantes de Adega, o Colectivo Terra de Pontedeume e BNG visitarán a zona.

Esta semana, Augas da Galiza está a investigar a orixe dunha posíbel vertedura ao río Eume. O alcalde de Pontedeume, Bernardo Fernández Piñeiro, informou na terza feira de que a Policía Local eumesa trasladara un aviso ao departamento da Consellaría de Medio Ambiente. Pola tarde, persoal técnico da Xunta desprazouse aos puntos onde as augas fluían cunha cor abrancazada. 

Parámetros normais

"Inspeccionouse a zona e tomáronse mostras que amosaron valores normais en parámetros como a PH (acidez), a condutividade ou o osíxeno", informan a Nós Diario fontes da Consellaría de Medio Ambiente, que aseguran que as inspeccións "só revelaron certa turbidez na auga". O departamento da Xunta agrega que nos vindeiros días realizarase "un seguimento exhaustivo da evolución do estado da auga" se ben, volven resaltar, "nos parámetros in situ non se teñen detectado anomalías".

O tenente de alcalde e concelleiro con responsabilidades en Medio Ambiente en Cabanas, Iago Varela, engade que se descoñece a día de hoxe a orixe da posíbel vertedura. "Barallamos dúas hipóteses. A primeira é que proceda do encoro, que nos días anteriores presentaba uns niveis moi baixos que deixaron ao descuberto os lodos do fondo; a segunda, que proceda de máis abaixo da presa", matiza.

Preguntas sobre o encoro

Varela apunta que a través do grupo parlamentar do BNG presentaron varias cuestións relacionadas co río Eume na Cámara galega. "Foi a finais de setembro, despois de que baixase moito o nivel do encoro", especifica. Daquela o Colectivo Terra de Pontedeume achegouse aos terreos da presa para comprobar o seu estado e tomar mostras. Con elas queren responder a unha das preguntas rexistradas polo BNG. "Queremos coñecer a natureza dos lodos", di Martínez.

Tras a vertedura, o colectivo desprazouse de novo até a zona da Ermida, no encoro do Eume. "Desde setembro o nivel da auga subiu cinco puntos, tapando de novo parte dos residuos do fondo", relatan as súas integrantes. A presa, asociada a unha central hidroeléctrica, é xestionada por Endesa. O 2017 a Xunta aprobou unha proposta da compañía para modernizar as instalacións. As obras centrábanse nos aliviadoiros e incluían a retirada e tratamento de parte dos lodos.

"En novembro de 2019 concluíron as probas de posta en servizo das válvulas do desaugadoiro", informa a compañía a preguntas desde medio. E engade que para minimizar as verteduras da parte superior da presa, "con potenciais afeccións auga abaixo", diminuíu a cota de explotación do encoro.

Endesa asegura que os sedimentos están oficialmente caracterizados "como non perigosos" e que "en ningún caso son tóxicos". "As analíticas realizadas amosaron que non hai alteración dos parámetros fisicoquímicos, e que se manteñen valores adecuados de osíxeno disolto, PH e turbidez", agrega. 

Visita á presa

Mentres Augas da Galiza traballa para atopar a orixe da posíbel vertedura, representantes do BNG nos concellos do Eume visitarán a área do encoro xunto con Adega e Colectivo Terra. "Vimos traballando en paralelo sobre a situación na que se atopa o Eume e queremos pór en común a información que recollemos", afirma Varela.