Os residuos confinados no Eume saen a flote

Imaxes do Eume tomadas no lugar da Hermida no municipio das Pontes en setembro de 2020 (Imaxe: Colectivo Terra).
O baixo nivel do encoro do río Eume deixou ao descuberto os lodos depositados desde hai décadas no seu fondo. Colectivos ecoloxistas decidiron tomar mostras para coñecer a súa natureza. 

O 30 de decembro de 2020 remata o prazo do pacto ambiental asinado pola Xunta da Galiza, co popular Agustín Hernández de conselleiro de Medio Ambiente naquela altura, e a compañía Endesa para a restauración do espazo mineiro das Pontes. Neste proxecto, un lago que bebeu durante catro anos das augas do Eume serviu para tapar a cicatriz da minaría na comarca.

O acordo, unha prórroga dun primeiro pactado en 2005, incluíu entre os seus obxectivos a modernización das infraestruturas hidroeléctricas para a "recuperación ambiental do río Eume". A poucos meses de que remate, a ollada de agrupacións ecoloxistas céntrase precisamente no río e o seu encoro, que tamén xestiona Endesa. Tamén nos sedimentos que a actividade mineira acumulou no seu vaso ao longo de catro décadas.

A presa é unha masa de formigón de 225.000 metros cúbicos localizada en pleno parque natural. "Polo Eume abaixo baixaron durante anos cinzas, refugallos mineiros que remataron no vaso do encoro", explica a Nós Diario Fins Eirexas, secretario técnico de Adega. 

Sedimentos do encoro

O 23 de setembro, Adega advertiu que o baixo nivel das augas do encoro deixara ao descuberto estes restos da minaría. Fragmentos de lignito, restos de cinsas e outros refugallos que tamén amosan as imaxes que o Colectivo Terra de Pontedeume tomou seis días despois. "O encoro está a un nivel moi baixo para esta zona, de 49%, por iso son visíbeis", declara a agrupación a este medio.

"O estado do río é lamentábel á altura do lugar da Ermida, no concello das Pontes. Hai charqueiras dunha cor alaranxada e vexetación morta. E todo isto en pleno parque natural. Di moito do estado de conservación do Eume", agrega Colectivo Terra.

"Non sabemos a natureza destes residuos, sospeitamos por informacións de persoal da empresa doutro tipo de verteduras como aceites, que deberan ser considerados tóxicos e perigosos", salienta Eirexas. Unha dúbida que comparte a agrupación ecoloxista de Pontedeume, que recolleu unhas mostras para analizalas. "Queremos comprobar se hai presenza de compostos nocivos para as augas e o medio", din. 

Anos de acumulación

A acumulación de residuos no fondo dun encoro, ou colmatación, é un proceso habitual nestas construcións. O fluír natural do río vese condicionado e ao estancarse fican no fondo do vaso da presa os sedimentos que arrastra. "Neste caso, a carga era máis normal que a habitual polas escorrentías de sedimento e mineral que foron rapidamente enchendo o vaso", valora Fins Eirexas.

Segundo relata o integrante de Adega, unha das consecuencias desta acumulación foi a obstrución dos aliviadoiros ou desaugue de fondo. "A través deles libérase parte do caudal pouco a pouco, mais neste caso non era posíbel porque os sedimentos o impediron. Así, nos últimos 25 ou 30 anos a empresa non liberou o caudal ecolóxico obrigatorio, que se calculaba inicialmente en 10% do caudal medio anual", agrega. De aí que o tramo ficase practicamente seco ao longo de máis de 3.000 metros de percorrido. Nesa altura, o río nutríase case exclusivamente dos seus afluentes.

En 2011, a denuncia que interpuxeron Adega e Ríos con Vida foi arquivada. Ao tempo, abriuse un proceso no que Augas da Galiza conminou Endesa a reparar esta problemática e cumprir coa lexislación vixente en materia de augas. A súa primeira proposta foi achegada en 2011, un ano antes da renovación do pacto ecolóxico entre a compañía e a Xunta da Galiza.

No seu estudo para as obras, unha das cuestións a ter en conta pola empresa foi o manexo dos sedimentos do vaso. Concretamente, un informe da compañía sinalaba a necesidade de desaloxar un volume de depósitos calculado en 1.350 metros cúbicos. 

A renovación da presa

O proxecto demorou case seis anos en ver a luz. No proceso, os colectivos ecoloxistas presentaban alegacións, que eran á súa vez respondidas por Endesa. Eirexas critica que a eléctrica propuxese, entre outras achegas, mobilizar os residuos do encoro, tratalos, e situalos na súa cabeceira. "Cambialos de sitio sen mellorar significativamente a problemática", valora. 

[Podes ler a reportaxe íntegra no Nós Diario en papel, á venda a partir da terza feira, día 6, nos quiosques ou na nube. Se queres subscribirte podes facelo nesta ligazón]