A Xunta declara a emerxencia polo estado de turbidez do río Eume

Dous operarios colocan unha barreira anticontaminación no Eume. (Foto: Xunta da Galiza)
As verteduras na zona obrigan a prohibir o consumo de auga do abastecemento público en Pontedeume. A estación depuradora traballará con medios especiais para solucionar o episodio o antes posíbel.

Augas de Galiza, un organismo dependente da Consellaría de Infraestruturas e Mobilidade, emitiu hai escasos momentos un comunicado no que declara a emerxencia sobre a situación de turbidez na que se atopa o río Eume desde hai días, como xa viña denunciando Nós Diario.

Así mesmo, este departamento da Xunta prohibe á veciñanza de Pontedeume que consuma a auga do abastecemento público por se a ou as verteduras tiveron consecuencias negativas na calidade dese líquido.

Fontes do departamento de Infraestruturas avanzaron que van actuar con medidas de emerxencia para eliminar a turbidez das augas.

Algunhas delas terán lugar na estación de tratamento de auga potábel para lograr, o antes que sexa posíbel, que sexa apta para o consumo humano.

A idea é restabelecer con urxencia o servizo á poboación da zona.

Con independencia do que afecta directamente ás e aos usuarios, o Goberno galego ten previsto crear unha comisión de seguimento da situación na que estarán representados os técnicos de calidade de Augas de Galiza, a empresa que xestiona o encoro (Endesa), o Concello de Pontedeume e a concesionaria do abastecemento público da vila.

Todas e todos intentarán dar coa orixe da contaminación no Eume. Hoxe mesmo especialistas en emerxencias ambientais e operarios de Augas de Galiza recorreron as beiras do Eume para ver de preto a situación e adoptar medidas de control.