A Xunta abre expediente sancionador a Endesa na investigación da turbidez do Eume

A Xunta investiga a turbidez das augas do Eume en outubro de 2020 (Imaxe: Colectivo Terra)
A Administración galega sinala a desatención por parte da compañía dos requirimentos de Augas da Galiza sobre a xestión da presa. Mentres, Executivas locais da comarca e entidades ecoloxistas piden os resultados das analíticas do río.

Dez días despois, o Eume continúa a fluír con turbidez. No concello de Pontedeume mantense a prohibición de consumir a auga da billa, procedente deste río, desde o pasado 10 de outubro. Mentres continúa a investigación, e tras declarar a situación de emerxencia, a Xunta anunciou hoxe a incoación dun expediente sancionador a Endesa, concesionaria do encoro do Eume. 

Xestión de Endesa

O motivo, segundo a Administración galega, é a desatención por parte de Endesa "os requirimentos efectuados desde Augas da Galiza en relación á xestión da presa". E agrega que incoará a sanción que corresponda en función da valoración dos danos causados ás augas do río e mais ao servizo de abastecemento.

Na mesma xornada o rexedor eumés, o socialista Bernardo Fernández, presentou sendas denuncias ante a Consellaría de Medio Ambiente da Xunta e o Ministerio de Transición Ecolóxica instándoas a esclarecer a orixe da turbidez e amosando a súa preocupación polos efectos no ecosistema e no banco marisqueiro da ría.

Entidades ecoloxistas como Adega ou o Colectivo Terra xa sinalaran a presa de Endesa, construída nos 60 a continuación da área na que se situaba a mina de lignito das Pontes. Os lodos do seu fondo abrollaron días antes de que o río fluíse turbio, cando o volume da auga diminuíu. Aseguran que entre os residuos se atopan substancias potencialmente perigosas procedentes da actividade mineira. Colectivo Terra tomou mostras para analizalas

Na segunda feira, a conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, informou da apertura dun expediente para esclarecer a orixe da contaminación e adoptar as medidas correspondentes. Vázquez agregou entón que se transmitiran instrucións á enerxética para que contribuíse a mellorar a turbidez. Isto, a pesar de que Aguas da Galiza aínda non localizou a súa causa.

Así mesmo, a conselleira informou de que Endesa participará dunha comisión que reúne persoal técnico de calidade das augas da Xunta, a concesionaria do abastecemento municipal e mais o Concello de Pontedeume, e na que o Concello de Cabanas, a través do seu concelleiro de Medio Ambiente Iago Varela, solicitou participar esta qunta feira: "Tememos que o interese da Xunta sexa fechar o expediente toda vez que se resolva o problema da traída no municipio veciño".

Tamén hoxe o Colectivo Terra presentou unha instancia no rexistro do Concello eumés para que a Administración local solicite a Endesa, a empresa que xestiona as augas na localidade, e mais a Augas da Galiza as análises de auga realizadas desde o 28 de setembro. Petición similar á cursada na cuarta feira pola Administración local de Cabanas. Entón, Varela lamentou a "falta de información" por parte da Xunta

Problemática de fondo

A turbidez do Eume pon o foco no estado do parque natural ao que dá nome e que carece dun plan reitor de uso e xestión. Colectivo Terra advirte que "os tratamentos físicos e químicos poden facilitar que a auga volva ser potábel" mais que "o problema de fondo" persiste. Xunto con Adega, insiste en pór o foco no encoro e nos residuos situados no fondo e que poderían albergar restos de actividade mineira. En tanto, Endesa mantén que foron "oficialmente caracterizados como non perigosos".

Esta catalogación xa fora posta en cuestión por Adega en 2017 no proceso de alegacións ao proxecto de renovación dos desaugadoiros da presa. Unha operación que Endesa se veu obrigada a realizar tras décadas sen respectar o caudal ecolóxico e de secar tramos do río. A operación implicaba a retirada de parte dos residuos do fondo, os caracterizados de “non perigosos”. A asociación cuestionou que non se pescudasen metais pesados na súa composición após décadas de actividade mineira nas Pontes.

"Esta deficiente caracterización dos residuos podería supor a existencia dun risco elevado durante o funcionamento dos desaugues de fondo do encoro, pola acidificación e mobilización dos contaminantes que baixarían polo Eume, como aparentemente acabou sucedendo", valorou hoxe. A pasada semana, Adega visitou o encoro xunto a representantes do BNG, que preguntarán ao Executivo galego no Parlamento polo estado do Eume.