Elena Ojea, investigadora: "O risco de suba do nivel do mar multiplicarase por 10"

Elena Ojea coordina o grupo de investigación Future Oceans Lab da UVigo.
Durante cinco anos, a investigadora Elena Ojea colaborou no estudo internacional que deu lugar ao 6º Informe de Avaliación do Grupo Intergubernamental de Expertos sobre o Cambio Climático (IPCC). É a autora principal do capítulo dedicado aos océanos, ameazados por vagas de calor que comprometen o futuro das especies.

A finais de febreiro deron a coñecer o informe 'Cambio Climático 2022: Impactos, Adaptación e Vulnerabilidade'. Que conclúe a evidencia científica?

O principal resultado desta nova síntese do IPCC é que o quecemento global alcanzado, que xa é de 1,1ºC, está a afectar a vida de miles de millóns de persoas e alterando os ecosistemas en todo o mundo. Ademais, os impactos esperados no futuro poñen en risco alto e moi alto 3.300 millóns de persoas, que viven principalmente na rexións do leste, centro e oeste de África, do Sur de Asia, as illas pacíficas e América Central.

Os danos son reais e as previsións máis pesimistas parecen acelerarse e agravarse.

En efecto. Estamos falando dos últimos 10 anos e dos próximos 20, principalmente. Neste rango temporal temos a certeza de que os impactos que estamos vendo, como as vagas de calor en terra e mar e outros eventos extremos, son provocados polo cambio climático de orixe antropoxénico. A impactos dos que antes non sabiamos con certeza as causas, xa lles estamos a pór nome. Neste informe faise moito énfase na adaptación, que ben deseñada e con carácter transformador, ten a capacidade de reducir forma significativa os danos esperados. En todos os capítulos falamos de implementar medidas consensuadas polos axentes sociais, inclusivas, dirixidas a poboación máis vulnerábel, e que impliquen unha mellora da capacidade dos hábitats naturais de amortecer impactos. Con estas medidas e con seguir unha ruta de emisións mínima, o futuro non ten que ser tan devastador. 

O seu campo de traballo son os océanos. Como lles afecta o cambio climático? 

Neste informe vemos como as vagas de calor están a levar a moitas especies mariñas a condicións por riba dos seus límites de tolerancia. Estes episodios extremos nos que a temperatura da auga está en máximos, xa duran varias semanas, incluso meses. Ademais, as especies mariñas están a desprazarse, de media, uns 60 km por década cara augas máis frías por mor do quecemento. Esto implica cambios importantes nas composicións dos ecosistemas, especies invasoras; cambios que afectan tamén á actividade pesqueira e turística.

Cales son os ecosistemas máis vulnerábeis?

Hai especies formadoras de hábitats que están sufrindo impactos críticos polas vagas de calor. Os mais vulnerábeis son os arrecifes de coral, que non poderán sobrevivir por riba de 1,5ºC de aumento global de temperatura. Pero tamén están en alto risco as pradeiras mariñas ou os bosques de macroalgas como o kelp, ademais dos ecosistemas costeiros, ameazados por eventos extremos e a suba do nivel do mar, cuxo risco se multiplicará por 10 antes de fin de século de se superar ese 1,5ºC. Os arrecifes de coral, manglares e as marismas tampouco soportarán estes cambios no 2050, mesmo con baixas emisións, e os impactos ecolóxicos aceleraranse de forma drástica nas seguintes décadas.

O informe tamén pon o foco nas zonas costeiras, onde se concentra boa parte da poboación.

A mediados de século, o nivel do mar vai aumentar entre 10 e 25 cm de media independentemente das emisións. Isto suporá necesidades de adaptación a inundacións costeiras máis frecuentes e fortes. Tamén se verá unha maior salinidade de augas subterráneas, estuarios, zonas húmidas e solos. Con emisións altas, o risco de inundación costeira permanente aumenta un 26% respecto aos niveis actuais. Ademais, a suba do nivel do mar leva asociados impactos puntuais de eventos extremos por inundacións e tormentas con maior alcance desde o litoral cara a adentro. 

Coñecemento científico e local

Combater o cambio climático exixe unha adaptación deseñada de forma "xusta e inclusiva", advirte Ojea. "A evidencia científica apunta que é importante incorporar o coñecemento científico ao local". Cada acción tecnolóxica, de conservación ou de goberno transfronteirizo exixe desta visión, di. "Seguir facendo o mesmo non vai resolver o problema. Cómpren mudanzas transformadoras".

Tamén na Galiza, onde convida a seguir o camiño dun desenvolvemento "resiliente e sostíbel". Isto implica reducir as emisións ao mínimo "pero tamén modificar os sistemas mariños para incorporar os impactos do cambio climático na xestión; da pesca, da acuicultura e do turismo". Ademais, incide, "con hábitats mellor conservados teremos máis capacidade de resposta". Así, explica, a conservación de hábitats costeiros como dunas ou zonas húmidas funciona como barreira para eventos extremos mariños e o aumento do nivel do mar.