O Eixo Atlántico reúnese en Viana do Castelo para analizar o funcionamento da política urbana

Membros do Eixo Atlántico na reunión esta sexta feira (Foto: Eixo Atlántico).
Segundo un comunicado do organismo, a xornada foi inaugurada polo secretario de Estado do Mar de Portugal, José María Costa, que abordou "o impacto da ‘maritimidade’ sobre a Política Urbana e os enfoques en que se traballa".

A asociación de concellos transfronteirizos da Eurorrexión Galiza-Norte de Portugal, Eixo Atlántico, reuniu na localidade lusa de Viana do Castelo alcaldes e responsábeis da Comisión Europea para tratar os eixos prioritarios da Política Urbana e avaliar o seu funcionamento.

Segundo un comunicado do organismo, a xornada foi inaugurada polo secretario de Estado do Mar de Portugal, José María Costa, que abordou "o impacto da ‘maritimidade’ sobre a Política Urbana e os enfoques en que se traballa".

Nesta liña, engadiu que 90% das accións comerciais pasan polos océanos e os portos, polo que "a produción de enerxía limpa, a descarbonización, é unha grande oportunidade para xerar emprego e transformar os portos e toda a actividade que ten a ver co mar".

Ademais, resaltou a importancia de "salvar os océanos", que á súa vez teñen un nexo co clima polo que, asegurou, débense facer neles "as grandes transformacións".

Tamén, a alcaldesa de Lugo e presidenta do Eixo Atlántico, Lara Méndez, recalcou a necesidade de "unha transformación económica que vaia da man da sustentabilidade, da economía de proximidade e circular".

"O pacto verde é fundamental"

O acto contou coa participación do conselleiro da Comisión Europea, Eero Ailio, que trasladou as liñas chave destes programas, así como o seu impacto; a oficial de Políticas para o Desenvolvemento Territorial e Urbano na Comisión Europea, Laura Hagemann, e o deputado do Parlamento europeo Marcos Ros, que explicaron a conexión destas iniciativas co Pacto Verde Europeo e outras de desenvolvemento urbano.

Así mesmo, o secretario xeral do Eixo Atlántico, Xoán Vázquez Mao, asegurou que "o Pacto verde é, a partir de agora, a figura fundamental que todos os Concellos van ter que impulsar para poder optar aos cofinanciamentos".

Finalmente, o ex secretario de Estado de Cooperación Territorial do Goberno español, José Luis Méndez Romeu, presentou o seu libro, un informe que coordinou para o Eixo Atlántico coa colaboración de expertos na materia.