A USC lanza un ambicioso plan para aforrar enerxía

Estudantes nunha aula da Universidade de Santiago. (Foto: USC)
A USC prepara tamén un plan estratéxico de medidas a longo prazo.

O grupo de traballo de estratexia enerxética da Universidade de Santiago de Compostela (USC) referendou, na súa reunión da cuarta feira, as primeiras medidas extraordinarias dirixidas ao aforro e mellora da eficiencia en materia enerxética, que entran en vigor hoxe.

Son propostas para a súa implantación a curto prazo, que se complementarán cun plan estratéxico do que se informará en Consello de Goberno con medidas a medio e longo prazo.

A modo de medidas xerais de aforro enerxético, o grupo propón o apagado automático dos equipos informáticos en horario nocturno e en quenda de tarde nos edificios administrativos, programado de maneira centralizada excepto para o persoal en réxime de teletraballo.

Tamén se propón a redución da iluminación ambiental e ornamental, sen prexuízo do que sexa necesario por cuestións de seguridade. Como xa se avanzaba na sesión constitutiva do grupo de traballo, prevese iniciar de maneira inmediata o control da temperatura e humidade así como o control e seguimento do uso de aparellos de climatización e a retirada de aparellos de calefacción portátiles.

Outras medidas

Neste sentido, tamén se instalarán sistemas de medición en todos os edificios que permitan contabilizar o consumo de enerxía. Os edificios administrativos de Santiago e Lugo non terán actividade presencial en quenda de tarde desde o 1 de outubro.

Concretamente, esta medida afectaría á Casa da Balconada, o Colexio de San Xerome, servizos administrativos do edificio Cacto en Santiago e Lugo, o Pavillón estudantil, o Pavillón de Servizos, a Unidade de Xestión Académica do Campus Norte, as Vivendas dos Funcionarios e os espazos administrativos do Edificio Intercentros.

Ademais, aqueles edificios con horario de apertura de 8 a 22 horas deberán revisar antes do 30 de setembro as franxas de ocupación e comunicarán, de ser posíbel, a reorganización da súa actividade para reducir os períodos de apertura.

Entre o 23 de decembro de 2022 e o 9 de xaneiro de 2023, coincidindo co período de vacacións de Nadal, a USC pechará as súas instalacións, desenvolvendo a súa actividade de maneira non presencial. Para a organización do traballo e o desenvolvemento dos labores cotiáns empregaranse as ferramentas corporativas virtuais dispoñíbeis.