Os efectos do confinamento baten na economía dos fogares galegos

Aumentan o número de fogares con dificultades para chegar a fin de mes, 41,26% do total, mentres que un cuarto non se permiitiu ningún gastro extra nos primeiros tres meses do ano e 5,83% solIcitou axuda económica a familiares ou amizades.

O peche dos pequenos negocios, a aprobación de Expedientes de Regulación Temporal nas Empresas (ERTE) durante o estado de alarma baten na economía dos fogares galegos. Así o reflicte a Enquisa Estrutural a Fogares realizada polo Instituto Galego de Estatística, que vén de publicar os resultados relativos ao primeiro trimestre deste 2020.

Neste período, diminuíu a porcentaxe de fogares que chega a fin de mes con facilidade, ficando en 52,69%. Ao tempo, un 41,26% admite chegar con dificultades e case 5,94% con moita dificultade. Respecto ao trimestre anterior, aumentan aquelos que teñen dificultades, en 0,38 puntos; ou moitas dificultades, en 1,18 puntos para chegar a fin de mes.

Esta fenda aumenta se se comparan os datos máis recentes cos do mesmo período en 2019. Desde aquela, diminuíron en 3,74 puntos porcentuais os fogares con facilidade ou moita facilidade para cadrar as súas contas ao remate do mes.

De entre os distintos tipos de fogares, os monoparentais son os que máis problemas teñen para facer fronte a pagamentos ou gastos: 65,53% expresan dificultades ou moitas dificultades. Segundo os datos da Rede Contra a Pobreza (EAPN) na Galiza, 80% destas familias están encabezadas por unha muller e arredor da metade atópanse en situacións de pobreza ou exclusión social.

Nestes primeiros tres meses do ano, 25% dos fogares non se permitiu ningún gasto extra, o cal tamén implica que non puideron aforrar ou reducir as horas de traballo das integrantes do fogar. Ademais, exclúe da rutina gastos tales como a roupa ou o calzado, saír cear ou ir ao cine ou investir máis do habitual na alimentación.

De facto, 10,54% dos fogares mudou os seus hábitos de compra, optando por mercar marcas brancas, habitualmente as máis baratas, ou produtos en oferta. Mentres, 5,83% tivo que recorrer a axuda de amizades ou familiares para afrontar gastos ou pagamentos.