Os outros dados da EPA: 91% dos novos contratos son temporais e 52.000 fogares con todos os membros en paro

A ocupación medra menos con respecto a períodos anteriores, advirten os sindicatos, preocupados pola temporalidade e precariedade. 

 

paro desemprego traballo

O segundo trimestre do ano rematou na Galiza con 18.600 persoas ocupadas máis que no trimestre anterior e con 13.500 desempregadas menos, segundo os dados da EPA. “Trátase do peor dato de ocupación dos últimos anos, xa que esta medrara en 25.700 no mesmo período de 2018”, indican desde a CIG. “O emprego que se crea é precario: hai 10.100 novos empregos temporais, mentres que o emprego indefinido estáncase”, indica CCOO.

A temporalidade que se estende no mercado laboral galego volve ficar en evidencia. O sindicato nacionalista indica a maior parte dos novos contratos tiveron carácter temporal, superando 90%, e foron asinados por homes (74,2%), “o que fai aumentar de novo a diferenza entre as taxas de paro masculina e feminina”. Unha afirmación que ratifican desde Comisións cando sinalan que “só tres de cada dez empregos creados foron para mulleres”.

“A maioría do emprego creado foi entre os homes (74,2%), o que provoca que volva medrar a diferenza entre as taxas de paro masculina e feminina”, indica a CIG.

O medre da ocupación tamén mellorou a situación dalgúns fogares que contaban con todos os seus membros no paro. Con todo, lembra o sindicato nacionalista, rexístrase un número moi elevado de fogares (52.200) con algún membro activo no que todos están parados.

Comentarios