Lamentan que a Xunta “se escuse” na “imposibilidade legal” para non sumar prazas ás oposicións en 2021

Oposicións (Xunta)

“Se a prioridade da Consellería de Educación é a oferta de prazas para o ensino público galego e a blindaxe das mesmas, por que a única proposta que levou á mesa sectorial foi aquela que imposibilita a existencia de prazas e oposicións en 2021?”, pregúntase a plataforma #Opos2021XuntasParaTodxs tras a reunión da conselleira, Carmen Pomar, cos sindicatos a pasada semana.

O colectivo afirma ser consciente da necesidade de ampliar o Real Decreto 84/2018 para poder cumprir a súa reclamación de realizar oposicións o vindeiro ano coas prazas de 2020 e 2021, mais considera que o termo que utiliza a conselleira de “blindar” as prazas, a través da inscrición cando se levante o estado de alarma, é “unha manobra electoralista” e unha “instrumentalización” do adiamento do proceso, que, aponta, se logrou pola mobilización social e sindical. “A Xunta estase a escudar na ‘imposibilidade legal”, asegura.

“O único obxectivo da Xunta é evitar novas oposicións en 2021”, denuncian dende a plataforma, que insiste en que a Consellería ten “nulo interese” en que o cambio normativo do Goberno estatal se produza.

A plataforma reclama á conselleira de Educación que non se reactive a convocatoria até que o decreto estea publicado no BOE. Ao tempo, pide axuda aos distintos partidos políticos galegos e aos diferentes colectivos e movementos sociais para “ser parte activa e exercer toda a presión posible” tanto á propia Xunta como ao Ministerio de Educación e Formación Profesional.