Social

Docentes interinas e substitutas reclaman a "cobertura total" das vacantes até a fin do curso

Profesionais do ensino pertencentes á plataforma #OPOñomeaestaOPO denuncian que "existen vacantes sen cubrir desde hai varias semanas na maioría das especialidades docentes" e se está a "sobrecargar" ás profesoras en activo.

Docentes interinas e substitutas do corpo de profesoras da Galiza, que pertencen á plataforma #OPOñomeaestaOPO, que pedía o adiamento das oposicións de Educación pola crise do coronavirus, reclaman a "cobertura total de vacantes até finalizar o curso escolar, sen distinción algunha". 

Consideran que se está a inxerir un dano "forte" na comunidade educativa galega tanto para as docentes como para as alumnas debido á "suspensión dos chamamentos de substitucións para cubrir as baixas das docentes activas".

Nun comunicado, aseguran que desde a Consellaría de Educación se están a vulnerar varias resolucións legais que recollen que "as substitucións cubriranse cunha antelación máxima de tres días lectivos", mais "na actualidade existen vacantes sen cubrir desde hai varias semanas na maioría das especialidades docentes". 

Estas profesionais do ensino manifestan que o incumprimento reiterado dos acordos para as interinidades crean un "mal antecedente" de "precariedade" nas substitucións cara ao futuro. 

"Deixar de facer chamamentos é mermar aínda máis a calidade do ensino. Reforzar o persoal debe ser obrigatorio nunha etapa coma esta, na que moitas docentes se atopan nunha situación difícil ao ter que conciliar o teletraballo coa vida familiar durante o confinamento", explican.  

Sobrecarga das profesionais

Denuncian que se está "deixando no paro inxustificadamente a centos e centos de docentes", lembran que "o gremio educativo non é como calquera outro, no que as traballadoras teñen a posibilidade de acollerse a ERTEs", e sinalan que moitas padecen xa "situacións económicas complexas".

Os efectos da negativa a cubrir as vacantes teñen unha consecuencia directa: a "sobrecarga das docentes activas". Así o trasladan estas profesionais, que non ven ningunha "xustificación obxectiva" para que desde o Goberno galego manteñan esta situación. 

Así mesmo, alertan de que ao non cubrir as baixas ou ausencias xustificadas docentes sen experiencia ou cunha formación insuficiente teñen que facerse cargo de materias moi específicas para as que hai profesionais dispoñíbeis nas listas de substitución.

Da mesma maneira que lamentan que a sobrecarga de traballo provoca que se preste "unha atención ineficaz e insuficiente" ao alumnado.