Un edil do PP liderou as negociacións entre a veciñanza de Ourol e Greenalia polo parque eólico

O parque eólico de Ourol entrou en funcionamento hai dous meses da man de Greenalia, compañía da ex conselleira Beatriz Mato (Foto: Nós Diario).
Denuncian ante a Valedora do Pobo a falta de transparencia da directiva do colectivo veciñal Ventos Milleiro, cuxo presidente é concelleiro na corporación local. 

"Non temos acceso ás actas das reunións e estas convócanse sen orde do día nin información previa. Chegas á reunión para votar un contrato por 30 anos e tes que fiarte do que che contan no momento". Estas son algunhas das moitas trabas que atopa a veciñanza de Ourol para coñecer os detalles das negociacións que mantivo o colectivo cidadán Ventos Milleiro coa empresa enerxética Greenalia para a construción dun parque eólico no municipio, que comezou funcionar hai dous meses.

Miguel Otero entrou na asociación para tomar parte nunhas negociacións da que dependía o futuro da súa vila. En conversa con Nós Diario, denuncia a falta de transparencia do proceso: "O ano pasado solicitei á directiva en asemblea o acceso ás actas e outra información da asociación para coñecer os detalles das decisións, mais o presidente negou que como socio tivese eu acceso a tal documentación. Posteriormente volvín solicitala pola vía da miña xestoría e negouse de novo", explica.

Na última asemblea celebrada volveu lembrar esta "irregularidade" e atopou "unha agresiva resposta e unha morea de intentos de descrédito, ameazas de denuncia e distraccións" por parte da directiva da asociación, que preside José Hermida Corbelle, concelleiro do Partido Popular en Ourol.

Cómpre lembrar, neste senso, que a ex conselleira de Medio Ambiente Beatriz Mato (PP) exerce desde o pasado ano como directora de Desenvolvemento Corporativo e Sostibilidade de Greenalia. A asociación Ventos Milleiro constituíuse formalmente en xullo de 2018, mais non hai rastro dela na rede. "Cando entrei non sabía quen era Hermida, mais decateime de que Mato estaba en Greenalia e comecei indagar", sostén.

Petición de transparencia ante a Valedora do Pobo

Ante a negativa tanto do colectivo veciñal como do propio Goberno local a facer públicas as as negociacións con Greenalia, Otero contactou coa Comisión de Transparencia (dependente da Valedora do Pobo), que instou a compartir esa información. "A entidade fixo caso omiso enviando apenas un par de documentos sen relevancia", di.

Na pasada cuarta feira remitiu un novo escrito á Valedora para facer efectivo o seu dereito, "como socio da asociación Ventos Milleiro e cidadán de Ourol", a acceder á citada documentación. A Lei Orgánica do Dereito de Asociación (2002), no seu artigo 14, recolle que "as e os asociados poderán acceder a toda a documentación". No tocante ao Goberno local, a Lei de Transparencia da Galiza (2016) recoñece no artigo 24 que "todas as persoas teñen dereito a accederen á información pública nos termos previstos na normativa básica en materia de transparencia".

Miguel Otero lamenta que as negociacións de Ventos Milleiro con Greenalia "semellan limitarse en todo momento á definición de superficies, funcións dos terreos e os seus prezos", deixando á marxe "o impacto ambiental, a contaminación acústica ou o efecto sobre outras áreas económicas da contorna". Así mesmo, denuncia que os contratos asinados "teñen unha cláusula que impide compartir información sobre o acordo, anulando totalmente o concepto de negociación colectiva".

Greenalia triplica os beneficios grazas á "febre dos eólicos"

A compañía enerxética deu a coñecer onte os resultados económicos de 2020, un ano no que triplicou o seu EBITDA (beneficios antes de intereses, impostos, depreciacións e amortizacións, en inglés), pasando dos 3,3 millóns de 2019 aos 11 do pasado exercicio.

A pesar dos efectos adversos da pandemia, Greenalia rematou en 2020 a construción do parque eólico de Ourol e principiou os proxectos de Alto da Croa, Alto da Croa II (ambos os dous en Dumbría) e Monte Tourado (Vimianzo), que se atopan en fase de finalización.

Con estas infraestruturas a empresa fecha o Plan Eolo I MOC, para dar paso á segunda parte do programa. De cara a 2023, Greenalia prevé xerar até 290 megawatts a través de dez parques eólicos. Aliás, agarda fechar 2021 cun EBITDA de máis de 20 millóns de euros.