Greenalia conecta a súa primeira instalación de xeración eléctrica á rede

Greenalia comeza a verter enerxía á rede a través do parque eólico de Miñón, de 24 megavatios de potencia.
Parque eólico de Miñón, en Vimianzo (Greenalia)
photo_camera Parque eólico de Miñón, en Vimianzo (Greenalia)

Greenalia xa produce enerxía na Galiza. A firma coruñesa vén de poñer en marcha o seu primeiro parque eólico no concello de Vimianzo. Trátase do de Miñón, formado por seis aeroxeradores cunha capacidade de produción total de 24 megavatios (MW), no que a compañía investiu 28 millóns de euros. 

En declaracións a Sermos Galiza, o director financeiro de Greenalia, Antonio Fernández-Montells, explicou que a este parque seguirá o de Ourol, “xa moi avanzado”, que entrará en servizo no primeiro trimestre de 2020, e os de Alto da Croa (I e II) e Monte Tourado no segundo trimestre do ano. Tamén de xeito “inminente” a planta de biomasa de Curtis, de 50 MW, comezará a verter enerxía á rede. 

Todos estes parques forman parte do proxecto Eolo de Greenalia, que contempla un investimento conxunto de 87 millóns de euros que permitirá á firma de renovábeis obter 10 millóns de euros en ingresos en 2021 e un beneficio bruto de explotación (Ebitda) de 7,5 millóns. 

Xa contra final de ano, apunta o directivo, poderían sumarse os catro parques da segunda fase do proxecto Eolo, entre eles o recentemente adquirido aos donos de Jealsa, que cun investimento de 149 reportarán uns ingresos adicionais á compañía de 18,5 millóns de euros e un ebitda de 14 millóns de euros.

Comentarios