Ecoloxistas en Acción informa negativamente ao Ministerio sobre o parque eólico mariño Ventus

O parque Ventus prevé erguer 40 muíños no litoral mariñao. (Foto: Nós Diario)
Os 40 aeroxeradores situaríanse fronte á costa da Mariña e "terían un impacto directo en diferentes caladoiros de pesca e en zonas de capturas".

Segue a puxa polo recurso do vento en augas galegas antes da aprobación definitiva dos plans de ordenación do espazo marítimo (POEM). A última compañía en sumarse foi a cordobesa Abei Energy, que o pasado decembro rexistrou perante o Ministerio para a Transición Ecolóxica o proxecto de eólica mariña denominado Ventus, fronte á costa mariñá. Constaría de 40 muíños cunha potencia total instalada de 600 megawatts (MW).

O Ministerio, durante a actual fase de consultas de cara á avaliación ambiental deste parque, consultou diferentes entidades como Ecoloxistas en Acción, que vén de responder cun informe negativo alegando o seu "forte impacto sobre a biodiversidade e a actividade pesqueira sostíbel".

Sobre esta cuestión xa alertaran tamén outros colectivos como a Plataforma en Defensa da Pesca e dos Ecosistemas, que presentou unha batería de alegacións argumentando que o espazo que ocuparían os muíños e o cableado "terían un impacto directo en diferentes caladoiros de pesca e en zonas de capturas".

Agora desde Ecoloxistas inciden neste punto: "Na contorna do proxecto eólico mariño Ventus atópanse un total de 22 caladoiros pesqueiros dos que dependen de maneira directa e indirecta miles de familias, sen olvidar a afección potencial en todas as súas fases sobre hábitats sensíbeis, tamén a nivel terrestre, e un gran número de aves ameazadas, algunhas en perigo de extinción, como no caso do alcaraván común (Burhinus oedicnemus)".

Consideran tamén que se debe avaliar o proxecto de maneira conxunta cos outros tramitados nesta mesma zona: Celta I, de Ferrovial —33 aeroxeradores e 495 MW—; Galwind, do Grupo Cobra —68 muíños e 1.000 MW—, e San Brandán-San Cibrao, de Iberdrola —35 turbinas e 490 MW cada un—.

Por outra parte, engaden, "diversos estudos científicos confirman que, alén da contaminación lumínica dos aeroxeradores e infraestruturas asociadas, o aumento do ruído e a vibración vinculados ao desenvolvemento da eólica mariña pode conlevar un aumento da mortandade de larvas de especies de peixes e invertebrados e o desprazamento ou interrupción dos seus patróns migratorios e comportamentos reprodutivos".

E máis aló destes potenciais impactos "significativos" sobre a biodiversidade mariña, fan fincapé tamén nos "danos irreparábeis á paisaxe", que podería ocasionar, "co que isto supón de afección ao sector turístico" no litoral da Mariña.