Educación ve "legalmente imposíbel" sumar prazas á oposición en 2021

Educación e sindicatos recuníronse telemáticamente onte na mesa sectorial de ensino. (Xunta)
Consellaría de Educación e sindicatos do ensino mantiveron onte unha reunión telemática da mesa sectorial. Na axenda, a negociación sobre como se materializará o aprazamento do concurso de oposicións docentes para este ano, que a Xunta, tras varias tentativas por mantelas neste ano, tivo que adiar a 2021 por mor da pandemia do coronavirus e as obrigadas restricións impostas para o seu control, cuxo desenvolvemento ten pendente a miles de aspirantes. 

Forzas sindicais e colectivos como o que representan a aspirantes que rematan este curso os seus mestrados para poder presentarse reclaman á Xunta que a convocatoria do ano que vén aglutine as 3.654 prazas da Oferta Pública de Emprego (OPE) de 2020 convocadas para este proceso coas novas prazas de 2021. Porén, a posibilidade queda, segundo indicou no encontro o director xeral de Centros e Recursos Humanos, José Manuel Pinal, en mans do Goberno estatal.

"A nivel legal non é posíbel sumar as prazas, dado que a normativa aplicábel a cada unha das ofertas de emprego sería diferente", indica a Xunta nun comunicado, no que se compromete a "volver analizar a situación se o Goberno estatal tomase algunha medida que permitise a acumulación de ofertas". Entretanto, os plans da Consellaría pasan por abrir a inscrición da convocatoria do concurso tan pronto se levante o estado de alarma, para o seu desenvolvemento en xuño do ano que vén.

"Na CIG avogamos claramente por acumular as prazas de 2020 coas de 2021", sinala o secretario nacional de ensino do sindicato, Suso Bermello, quen confirma que para iso é necesario que a convocatoria deste ano e unha posíbel convocatoria de 2021 teñan o mesmo sistema de baremo e de elección de temas a defender, o que agora non sucede.

"Dado que o decreto que regula o acceso ás prazas está agora mesmo en exposición pública, cremos que é unha oportunidade para que o ministerio introduza a modificación que permitiría acumular os dous procesos de oposicións e sumar ás 3.654 prazas actuais as correspondentes ao ano vindeiro", sinala. De non ser así, as futuras opositoras que non poidan inscribirse neste 2020 deberán agardar até 2022. 

A Consellaría defende que a prioridade é "blindar" as 3.654 prazas da OPE de 2020, tal e como xa garante o decreto que regula a Oferta Pública de Emprego deste ano, e comprométese a anunciar as probas "coa máxima antelación que permitan as circunstancias".