Trece voces da Galiza "que emerxe”: especial ‘Sermos Galiza’ do Día da Patria

Detalle do deseño de Héitor Picallo para a capa do 'Sermos Galiza' especial Día da Patria Galega

Co gallo do Día da Patria Galega, Sermos Galiza publica este sábado, 24 de xullo, un especial de 48 páxinas no que se lle toma o pulso á rede asociativa do país para efectuar un diagnóstico da situación nas frontes nas que se xoga o noso futuro e, sobre todo, para coñecer as aspiracións dunha Galiza que emerxe e pula por un mellor porvir para a cidadanía. 

A Galiza de 2021, como ao longo de boa parte da súa historia, non se entende sen o pulo mobilizador da súa sociedade, que segue a dar mostras dun outro país que emerxe fronte a discursos oficiais e resignacións. Unha Galiza que pide e quere ser escoitada, e que ten voz propia, de seu.

Co gallo do Día da Patria Galega deste ano, Sermos Galiza quixo tomarlle o pulso á rede asociativa para efectuar un diagnóstico da situación nas diferentes frontes nas que en boa medida se está a xogar o noso futuro e, sobre todo, para ofrecer vías de acción que permitan avanzar na construción dun mellor porvir para toda a cidadanía. 

Son 48 páxinas, que poderás adquirir este sábado, 24 de xullo, canda o Nós Diario. Unha mostra, a través de trece voces, da Galiza que se move, suma, constrúe e que segue aquel verso insubmiso de Avilés de Taramancos que chamaba a “romper de norte a sul Galiza / queimar as rozas dunha idade antiga e ver nascer o sol / lástima fóra

No especial de Sermos Galiza que se porá á venda o vindeiro 24 de xullo conxuntamente con Nós Diario, representantes da CIG, CCOO, UXT, Queremos Galego, a Marcha Mundial das Mulleres, SOS Sanidade, a Plataforma para a Defensa do Ensino Público, O Sindicato Labrego Galego, Unións Agrarias, Fruga, a Iniciativa Galega pola Memoria e a Plataforma por un Rural Vivo expoñen as súas principais inquietudes sobre a situación que estamos a vivir e ofrecen proxectos de futuro para a Galiza.

Pola páxinas do especial desfilan temas que ocupan o centro do debate social deste tempo: desde o futuro laboral dos traballadores en ERTE até a repartición dos fondos Next Generation que virán da UE; desde a fonda preocupación pola ofensiva eólica lanzada polas eléctricas até a incerta repartición de recursos para afrontar unha necesaria reforma do modelo agrario; desde a necesidade de reforzar as redes de apoio feminista até a importancia de consolidar os logros na normalización dunha lingua sen soporte institucional que a ampare.  

Os artigos

María Obelleiro, directora de Nós Diario, é a autora do artigo introdutorio, onde explica o espírito deste especial e onde convida a reflexionar sobre a Galiza que se abre paso.

Paulo Carril, da CIG, avoga por un verdadeiro Plan de Recuperación Económica que permita que as decisións fundamentais para o futuro da clase traballadora galega se tomen fóra do marco das políticas neoliberais que impiden o desenvolvemento do noso país. 

José Antonio Gómez, da UXT, expón a urxencia de sacar leccións do vivido durante a pandemia e, así, “construír un novo contrato social e medioambiental” para estabelecer unha nova senda de progreso sostíbel. 

Amelia Pérez, de CCOO, incide na urxencia de evitar que as eivas crónicas do mercado laboral galego deriven nunha nova crise económica e de emprego. Os fondos europeos, segundo a súa análise, deberían operar como un axente de cambio. 

Marcos Maceira, de Queremos Galego, repasa as debilidades e fortalezas, dunha lingua que segue a mostrar un exemplar dinamismo malia o desleixo e mesmo a hostilidade de quen ten a obriga legal de defendela e amparala. 

Ximena González, da Marcha Mundial das Mulleres, chama por unha organización en rede que coadxuve a transformar a realidade en diferentes planos e que cree unha axenda que teña presentes as loitas concretas. 

Manuel Martín, de SOS Sanidade, retrata a enorme deterioración e perda de prestixio, do servizo público de saúde, que pode condicionar o seu futuro a medio prazo, pola incapacidade do SERGAS,  Conselleria e Xunta para  responder as demandas de atención da poboación. 

Suso Bermello, da Plataforma en Defensa do Ensino Público, céntrase no exemplo do ensino universitario e da aparición da Lei de recoñecemento da universidade privada como prototipo do entramado público-privado que ameaza os servizos básicos. 

Jessica Rey, da Rede Galega por un Rural Máis Vivo, toma o modelo de contestación social ás múltiplas ameazas que sofre o rural para chegar á conclusión de que o lugar onde vivimos será o resultado do que nos impliquemos con el. 

Isabel Vilalba, do Sindicato Labrego Galego, subliña as carencias nas políticas institucionais e, sobre todo, á falta dun plan de futuro que nos permita avanzar na construción dun novo modelo máis axeitado ás nosas necesidades. 

Roberto García, de Unións Agrarias, parte da certeza de que a pandemia evidenciou o carácter estratéxico do sector primario e repasa as principais eivas que dificultan o seu desenvolvemento, mais tamén as súas fortalezas e liderado en calidade. 

Carlos Babío, historiador e activista pola memoria histórica achéganos as claves dun ano marcado polo pulo mobilizador do movemento memorialístico galego, co Pazo de Meirás como albo.

Finalmente, Xurxo Álvarez, da FRUGA, anota as prioridades do sector agrario para poder competir en condicións de igualdade dentro do marco que estabelece a Unión Europea e da súa principal ferramenta económica: a Política Agraria Común.

Se non es asinante, reserva o teu exemplar no quiosque para non ficar sen el. Lembra que podes facerte subscritora ou subscritor nesta ligazón, e mesmo podes apoiar o medio sen se te facer asinante, na opción de mecenas ou amizade.